O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidirá mañá o acto de plantación fronte ao Pazo da Cultura dun retoño da árbore de Gernika, a modo de homenaxe das vítimas do bombardeo de Gernika, do que o vindeiro 26 de abril se cumplirán oitenta anos (1937), uns feitos que transcorreron coincidindo no tempo coa Guerra Civil Española (entre os anos 1936 e 1939). A Asociación Memoria Histórica Democrática impulsou esta iniciativa, en colaboración co Concello e tamén coas Juntas Generales de Bizkaia. No acto tamén participarán o presidente da citada asociación, Manuel Fernández, e Enrique Barrera, integrante da mesma, así como a presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui. O evento terá lugar a partir das 17.30 horas nas inmediacións do Pazo da Cultura de Narón.
A convocatoria iniciarase coas intervencións dos representantes das tres entidades implicadas na proposta, e continuará coa plantación do retoño da citada árbore, cun certificado propio de autenticidade e que está desde hai uns días en Narón.
Con esta actividade o Concello naronés renderá publicamente unha homenaxe a todas aquelas persoas que perderon a vida tralos infortunados bombardeos sobre a poboación de Gernika. En recordo desas vítimas medrará a partir de mañá na cidade un retoño desta árbore, símbolo da liberdade e da paz.
Así mesmo, na convocatoria participarán a Banda de Gaitas e o grupo de Baile Tradicional Alxibeira, ambos do Padroado da Cultura do Concello de Narón.