O Concello de Narón acolleu hoxe o acto de entrega dos premios do “V Concurso de Tapas de Entroido” organizado pola Concellería de Promoción Económica e o Club Narón Gastronómico. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco presidiu o acto, acompañado polo edil da área, Pablo Villamar e representantes dos seis locais de hostalería premiados nesta edición do certame, que se desenvolveu do 23 de febreiro ao 1 de marzo na cidade. O restaurante A Trasanquesa, o mesón O Muíño, O Pío, Silver 200 Monjes, Casa Sindo e Hostal Restaurante Carballo son os gañadores do Concurso de Tapas de Entroido deste ano. O alcalde e o edil de Promoción Económica felicitaron aos representantes dos establecementos gañadores, agradecéronlles a súa participación e animáronos a continuar colaborando neste tipo de iniciativas.
O Restaurante A Trasanquesa fíxose co premio da votación popular na modalidade de Tapa de Entroido coa proposta: “Saquiños do Entroido” e o Mesón O Muíño co concedido tamén pola clientela na modalidade de Tapa de libre Creación, coa elaboración “Crocante de porco esmiuzado, polenta e salsa de Tamarindo”. Cada un destes premios ten unha dotación económica de 250 euros, ademais dun diploma. Nos establecementos participantes recolléronse un total de 11.394 papeletas, coas que a clientela valorou as citadas modalidades de tapas que optaban ao premio da votación popular.
No que respecta aos premios concedidos polo xurado, os gañadores na modalidade Tapa de Entroido foron o Mesón O Pío, que levou o primeiro premio co seu: “Rolo de grelos recheo de cocido montés adubiado con ceboleiro de Soutelo”, e o Silver 200 Monjes, cun segundo premio coa: “Follada de lacón con grelos”. A dotación destes galardóns é de 400 e 250 euros, respectivamente. Na modalidade de Tapa de Libre Creación, os gañadores foron Casa Sindo, que obtivo o primeiro premio con “Steak tartar de solombo de atún” (cuxos responsables non puideron acudir hoxe ao acto de entrega), e o Hostal Restaurante Carballo, co segundo posto, con “Porquiño ao abrigo”, cunha dotación de 400 e 250 euros, respectivamente e tamén coa entrega dos pertinentes diplomas. O xurado estivo composto por Pablo Villamar, concelleiro de Promoción Económica; José Luis Suárez e Eliseo Faraldo, ambos membros da Asociación Gastronómica Os Cazoleiros.
No certame participaron un total de vinte e dous establecementos de hostalería de Narón, tanto da zona urbana como rural, que presentaron en conxunto trinta e dúas elaboracións gastronómicas nas modalidades de Tapa de Entroido e de Libre Creación, doces e salgadas, que se puideron degustar e valorar coas papeletas que se distribuíron e recolleron nos propios locais de hostalería.
Así mesmo, trala entrega dos premios económicos procedeuse a sortear no Concello un total de cinco ceas para dúas persoas entre o público que emitiu os seus votos sobre as elaboracións presentadas a un apartado do certame (o valorado en votación popular). Como mans inocentes para retirar as 11.394 papeletas actuaron o alcalde, José Manuel Blanco, a primeira tenente de alcalde, Marián Ferreiro, e o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, xunto cos outros dous representantes do xurado, José Luis Suárez e Eliseo Faraldo. Os gañadores foron: Martín Serantes; María Angélica de Juan, Roberto Álvarez, Belén Ferreiro e Manuel Fiestras. Todos eles recibiron esta mesma mañá unha chamada da organización do evento para comunicarlles que resultaran premiados nesta edición do certame.