Un grupo de arredor de 15 mulleres participaron esta mañá na tertulia «Mulleres sobre mulleres. A nosa vida en Ferrol«, promovido polo Foro Ferrol Vivo e celebrado esta mañá na Lea Librería Café.
Durante dúas horas, as participantes falaron das súas vidas na cidade, das súas dificultades, dos seus problemas e tamén das solucións que vén para avanzar nunha igualdade que, coincidiron, lonxe de acadarse, está en claro retroceso.
Mulleres desempregadas, de profesión liberal, con traballos precarizados, mozas, maiores, sindicalistas, con traballo considerado de homes, migrantes, artistas, nais e avoas... Todos estes perfís estiveron representados nunha amena charla na que se pediron máis recursos para escolas infantís públicas, máis medidas para favorecer a conciliación, políticas activas de emprego feminino en igualdade e, sobre todo, recursos en educación.