Ademais, completouse tamén o desbroce de máis de 18.000 metros cadrados, a limpeza de 87 sumidoiros e o mantemento do mobiliario urbano e dos parques infantís.
Unha semana máis dentro da axenda do Plan de Barrios o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado do concelleiro de Servizos e Obras, José Tomé, reuniuse coa dirección da AVV de Recimil, ao frente da que se atopa Isabel Riveiro.
Durante o encontro, abordaron as necesidades do barrio así como repasaron as actuacións de mantemento e mellora que se levaron a cabo durante a semana pasada dentro do Plan de Barrios. “Recimil é un barrio que precisa unha especial atención, xa que conta con numerosas zonas verdes que estamos a mellorar para o lecer e o desfrute dos veciños e veciñas”, sinalou o alcalde.
6.000 metros cadrados de zonas verdes segadas
No marco do Plan de Barrios, as empresas responsables dos distintos servizos municipais coordinan os seus traballos para atender as necesidades de cada zona e mellorar a conservación dos espazos públicos.
En Recimil, o servizo de conservación de zonas verdes, parques e xardíns realizou a sega de 6.000 metros cadrados na praza de Sevilla e nas rúas Carvalho Calero, Mugardos, Valdoviño, Pontedeume, Fene, Euskadi, Ortigueira, Cedeira Somozas, Álvarez de Sotomayor, Betanzos, As Pontes, Neda, Ramón y Cajal e Dez de Marzal.
Os traballos incluíron tamén a poda de árbores e vexetación na rúa Dez de Marzal, na rúa Cedeira-Somozas, na praza de Sevilla e na zona verde do Bambú Club. Estas tarefas continuarán ao longo dos próximos dous meses.
Ademais, realizouse o chorreo de parte dos bancos do barrio e repuxéronse 60 barrotes de madeira neste mobiliario urbano, co obxectivo de mellorar o seu estado de conservación.
Pola súa banda, o servizo de limpeza viaria e recollida de residuos levou a cabo o desbroce de máis de 9.200 metros cadrados na praza de Sevilla e de máis de 8.800 metros lineais no conxunto do barrio.
As actuacións completáronse coa limpeza de 87 sumidoiros e de 111 colectores, así como con nove intervencións do servizo de mantemento eléctrico destinadas á reparación de avarías e á conservación das instalacións.
Tamén se realizou unha limpeza xeral dos parques infantís e reparáronse elementos de xogo que presentaban deficiencias, co fin de garantir unhas condicións axeitadas de uso e desfrute para os máis pequenos.
Dende a AVV de Recimil agradeceron o traballo realizado durantes días a través do Plan de Barrios, así como destacaron o avance nas obras do Bambú Club.
O Plan de Barrios continuará o vindeiro luns, 19 de outubro, no barrio de San Xoán, onde se desenvolverán novas actuacións de mantemento e conservación dos espazos públicos, en coordinación cos distintos servizos municipais e atendendo ás necesidades da veciñanza.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.








