Fene programa 18 espectáculos dentro da Rede Cultural da Deputación e da ‘Cultura no Camiño’

Roi Casal – Concello de Fene

O Departamento de Cultura de Fene acaba de tramitar as solicitudes de espectáculos tanto da Rede Cultural provincial como do programa “Cultura no Camiño” convocado pola Xunta a través da AGADIC e a Axencia Galega de Turismo. Son 18 actuacións musicais e escénicas que se distribuirán ao longo do ano na programación cultural municipal. O investimento ascende a algo máis de 24.000 euros –19.000 da Rede e 5.000 da Xunta– dos que o Concello deberá asumir a metade.

Os ciclos aos que se van destinar as actuacións solicitadas xa están definidos e mesmo teñen data posta. O primeiro será o Son Diversos que se desenvolverá na segunda quincena de maio e a primeira quincena de xuño na Casa da Cultura. O día 19 de maio Ludus Tonallis traerá o espectáculo “Voces riseiras, músicas arredor do mundo”, o 26 actuarán Las Lollipops, o 2 de xuño tocaralle a Amparo Arias e Roger de Flor e o 9 rematará o ciclo con Sofía Espiñeira Trío. Todas as actuacións ás 20.00h. e, tamén todas, dentro do Cultura no Camiño.

O seguinte ciclo arrancará en xullo enmarcado nos actos de celebración do Día da Patria Galega que terán lugar na Praza do Concello. O 11 de xullo ás 22.00h. teremos o espectáculo de maxia Hocus Pocus, o día 13 ás 22.30h. subirán ao escenario o Trío Siboney e o 15 de xullo sobre as 22.00h. será a vez de Roi Casal con “Son galego-son cubano”.

As actuacións musicais co gallo do Día da Patria forman parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña, igual que tres dos catro monólogos previstos para o Novembro, mes do humor. Este ano pasarán polo Museo do Humor Celso Sanmartín -3 de novembro-, David Noya -día 10-, Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei con “Falar sen cancelas” -o 17 de novembro- e, por último, Pepe Capelán o día 24 de novembro.

A área municipal de Cultura tamén recorreu ao catálogo da Rede Cultural para cubrir parte da programación do Nadal. A Casa da Cultura acollerá o 26 de decembro o “Mundo máxico” de Pedro Bugarín, o 27 o espectáculo científico “Voute contar” de Peripecious, o 28 de decembro os “Brincacontos” de Andaravía Teatro e o día 29 o “Alén-chunquiño” de Paso de Valverde Teatro. Por outra banda, a Igrexa de Sillobre tamén será escenario da actuación de Concerto Tempo o día 22 de decembro.

Fóra de ciclos o Concello tamén solicitou da Rede Cultural da Deputación da Coruña o obradoiro de xogos tradicionais e populares O Paporrubio -10 de outubro na Casa da Cultura- e a actividade de percusión para crianzas Percubebés, que se desenvolverá o 17 de outubro na Biblioteca Municipal.

Lea también

Ya está en marcha un nueva rondalla en Ferrol, «Nas ondas do Mar», tras la ruptura con el Club de Campo

Tras una leve la tempestad en el mundo rondallístico ferrolano al notificar el Club de …