«A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo» é un espectáculo teatral de animación á lectura destinado ao público infantil. A compañía Duende Sico representouna na mañá deste martes na biblioteca do CEIP Centieiras, no marco do programa «Coa lingua fóra» promovido pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. Ademais, tralo teatro a rapazada tamén participou nunha actividade complementaria para fomentar o hábito de ler en galego.
Co programa «Coa lingua fóra» a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña quere favorecer a socialización en galego dos nenos e nenas e da mocidade, conseguindo actitudes positivas cara á lingua do país e promovendo o pensamento crítico e analítico. Outro obxectivo do programa é tamén transmitir o interese pola lectura, importante non só no proceso de aprendizaxe senón tamén na aposta por un lecer divertido que contribúa a incrementar a imaxinación e a creatividade.
«Coa lingua fóra» usa como vehículo o teatro e as actividades de promoción da lectura con obras teatrais adaptadas á infancia e a adolescencia.
En colaboración da Concellería de Cultura de Fene, na mañá deste martes chegou ao colexio de Centieiras «A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo», unha peza mestura monicreques e personaxes reais que se poñen ao servizo do fomento da lectura, do uso do galego e da educación en valores.
O espectáculo escenificado pola compañía Duende Sico desenvolveuse na biblioteca do centro e como público tivo o alumnado de entre 3 e 9 anos. Posteriormente varios nenos e nenas participaron nun obradoiro de animación á lectura.