Un ano máis celébrase a Mostra e o Concurso da camelia en Narón

Fot. M.Platas

O Centro Comercial Dolce Vita Odeón acolle desde a tarde do sábado a décimo terceira edición da “Mostra da Camelia Cidade de Narón”. A Asociación Galega da Camelia e o Concello de Narón colaboran neste evento, que incluíu  a partir das 17.30 horas a novena edición do “Concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón”, con máis de medio milleiro de variedades de flor desta especie.

Os corenta e seis expositores que durante esta fin de semana permanecerán nas citadas instalacións comerciais comezaron a instalarse a primeira hora nunha das plazoletas centrais da planta baixa de Odeón. Procedentes de varias localidades galegas, maioritariamente das provincias da Coruña e Pontevedra, e incluso chegados de Asturias, Cantabria, e do veciño Portugal, os participantes amosaron as súas mellores especies de flor e composicións. A Mostra da Camelia poderase ver este domingo desde as 10.00 ata as 18.00 horas.

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidiu a convocatoria inaugural, acompañado na mesa por Edmundo Novoa, presidente da Asociación Galega da Camelia; Eusebio López, vicepresidente; Manuel Pico e Manuel Cruz, secretario e tesoureiro, respectivamente, da citada asociación. Á convocatoria asistiron representantes de varios grupos políticos da corporación local naronesa, que participaron no acto de entrega de premios aos mellores exemplares de flor e composicións, así como ao mellor expositor-cultivador.

O alcalde naronés recordou que a “Mostra da Camelia Cidade de Narón é unha das citas fixas no calendario de eventos do noso concello desde hai nada menos que trece anos”. Blanco recordou o compromiso do goberno local coa Asociación Galega da Camelia, mostra do cal, apuntou, entre outras iniciativas, “é o feito de que súa sede estea en Narón e que a nosa cidade conte desde o ano 2007 cun parque propio con máis de catrocentas especies de camelias no Parque fluvial do Río Freixeiro”.

Aludiu tamén o rexedor local á especie de camelia “Cidade de Narón”, creada por Eusebio López, vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, e sobre a que avanzou que moi axiña poderá verse tamén na citada ubicación, donde locerán as súas características flores de cor vermello intenso. Finalmente, na súa intervención, o alcalde incidiu no compromiso do goberno local de continuar respaldando este tipo de iniciativas.

Pola súa parte, Edmundo Novoa, fixo fincapé na incondicional colaboración do Concello e do Centro Comercial Dolce Vita Odeón para poder desenvolver con éxito este evento ano tras ano en Narón. Así mesmo, Novoa destacou a gran calidade das flores que se poden ver nesta edición da Mostra e tamén a elevada participación.

Premiados

A continuación, procedeuse á entrega dos premios da novena edición do “Concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón”, que foron entregados por representantes do goberno local e da Asociación Galega da Camelia.

O premio á mellor camelia japónica foi para Antonio Asunçao, de Portugal; á mellor camelia reticulata, para María del Carmen Santalla, de San Vicente (O Grove); á mellor especie deste tipo de flor, para María Jesús Melón, de Vilagarcía; ó mellor híbrido de camelia, para Pilar Barciela, de Porriño; á mellor flor miniatura para Clara Abalo, de Rois; o premio ao mellor cultivador expositor foi para a familia Barcala, de Rubianes (Vilagarcía), e, por último, o da mellor composición artística colectiva recaeu en Rosa Crespo e Jaime Escofet, de Valga.

Fot. M. Platas

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …