O Concello de Narón abre o prazo de inscrición para sete obradoiros

Teresa Sabio

A Concellería de Promoción Social do Concello de Narón impulsa un programa específico de atención a persoas maiores, en colaboración coas asociacións de maiores das parroquias da localidade, co fin de facilitar a súa socialización activa, a prevención da dependencia e a súa autonomía persoal. Así o anunciou a concelleira da área, Teresa Sabio, que explicou que se convocarán un total de sete obradoiros, cinco deles sobre o Manexo do móbil e os outros dous de Corresponsabilidade, ambos dirixidos a un total de 124 persoas maiores de Narón. Os interesados en inscribirse deberán presentar un formulario de solicitude –que poden recoller no Rexistro Xeral ou descargar da páxina web: www.naron.es- no propio Rexistro municipal de 8.30 a 13.30 horas, ata esgotar as prazas existentes, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Estas propostas forman parte do programa de Envellecemento Activo impulsado desde a Concellería de Promoción Social do Concello de Narón.

O obradoiro de Manexo de móbil destínase a un total de cen persoas, e desenvolverase os luns, martes e xoves de 18.00 a 19.30 no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros; os luns, xoves e venres de 10.00 a 11.30 en Piñeiros; os martes e xoves de 18.00 a 19.30 no Val; os luns, xoves e venres, de 10.00 a 11.30 na Solaina e tamén os luns, xoves e venres, de 10.00 a 11.30 en Pedroso. As persoas que participen terán a oportunidade de coñecer máis polo miúdo como funcionan os seus teléfonos móbiles, as iconas da pantalla do móbil, como facer fotos e vídeos, conectarse e acceder a internet, configurar unha conta de correo, e moitas outras accións.

O segundo dos obradoiros convocados é de Corresponsabilidade, que oferta un total de vinte e catro prazas e que terá lugar no Centro Comunitario das Vivendas da Mariña, os luns, martes e xoves, en dous horarios, de 17.00 a 19.00 e desde as 19.00 ata as 21.00. Unha das convocatorias será específica para as mulleres, que aprenderán tarefas de albanelería, fontanería e electricidade básica, entre outras, como seguridade no fogar, bricolaxe e mantemento do vehículo. O outro obradoiro de Corresponsabilidade diríxese aos homes, que aprenderán unha serie de coñecementos básicos de lavado, secado, tendido, pasar o ferro, organización de roupa, limpeza de diferentes prendas e superficies, arranxo básico de prendas, coidado de persoas maiores, etc.

A edil de Promoción Social anima aos maiores da localidade a anotarse nestes obradoiros, “cos que terán a oportunidade de aprender dun xeito sinxelo cuestións básicas relacionadas coa vida cotiá, polo que están pensados tanto para homes como para mulleres, apostando así por fomentar a igualdade entre xéneros dun xeito transversal no caso dos obradoiros de Corresponsabilidade”. A previsión é iniciar os obradoiros o vindeiro mes de febreiro, indicou Sabio.

Lea también

Meirás se prepara para acoger uno de los eventos del verano con Meirasland 2026

Meirás, en Valdoviño,  se prepara para acoger uno de los eventos del verano con Meirasland …