O Concello de Cabanas aprobou o pasado sábado, no ultimo pleno do ano, os Orzamentos para este 2017, que ascenden a 2.704.513 euros. «Os primeiros nos últimos dez anos que realiza o actual equipo de goberno sen as limitacións que traía consigo a sentenza polo edificio do Penso. Para afrontala, as contas incorporan os remanentes do ano 2016, cantidade suficiente para indemnizar ós afectados da segunda fase e executar as obras de demolición», sinalou o alcalde, Germán Castrillón.
Nesta liña, Castrillón apuntou que outro pleito xudicial, neste caso a reclamación interposta por Viaqua para a actualización e incremento das tarifas da auga que o goberno local rexeitaba, tampouco afectará ós orzamentos. dado que a Xustiza diolle a razón ó Concello e desestimou as pretensións da empresa concesionaria da auga. Neste punto, o alcalde lembrou que «Cabanas está coas tarifas do ano 2000 e que a empresa quería subilas dende 2003 sen presentar nin o custe do servizo nin a conta de explotación. Unha pretensión que custaría ós veciños de Cabanas uns 800.000 euros e que agora aforran co fallo xudicial», asegurou.
O alcalde sinalou que o Concello poderá afrontar máis investimentos nos programas de Cultura, Deportes, Turismo e Servizos Sociais, así como no Mantemento de Infraestruturas e Formación e Emprego. «Increméntanse as partidas das subvencións e dos convenios coas asociacións, ata os 20.000 euros. Establécese unha partida aberta de 15.000 euros para o edificio da Escola Laica a fin de afrontar a súa reparación e xestionar as axudas públicas necesarias para financiar as obras na súa totalidade».
«Como se acordou en Xunta de Voceiros, destinarase unha partida de 15.000 euros para o acondicionamento e mellora do pavillón de Lavandeira coa intención, como no caso anterior, de completar o orzamento necesario con subvencións doutras administracións. Co ánimo de avanzar en proxectos como o Circuito de Moto Cross nunha parcela municipal en Vilar do Colo as contas contemplan 5.000 euros», apuntou Castrillón.
A adquisición de maquinaria necesaria para obras e servizos elévase a 35.000 euros, namentras que outros 25.000 se destinarán a facilitar a incorporación efectiva do Concello na Administración dixital mediante a renovación dos equipos e modernización da rede e programas. Ademáis, o Concello contempla investir preto de 40.000 euros para limpeza de cunetas e desbroces.
«En definitiva, os mellores orzamentos posibles, que tentan atender as peticións recibidas por parte dos voceiros dos grupos con presenza na corporación e tamén as dos veciños e veciñas que acudiron ás xuntanzas celebradas nas parroquias», concluiu o alcalde.