Importante programación cultural para o primeiro trimestre no Pazo da Cultura de Narón

A Xunta do Padroado da Cultura aprobou a programación cultural correspondente ao primeiro trimestre de ano no Pazo da Cultura. Entre xaneiro e marzo de 2017 sucederanse varios espectáculos de música, teatro e baile, entre os que se inclúen cinco estreas teatrais.

A concelleira de Cultura e vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, explicou que se trata «dunha programación coa que tratamos de traer ao Pazo espectáculos variados e de calidade, con diferentes propostas teatrais nas que se inclúen cinco estreas e de música tradicional galega, e que se ampliarán proximamente cunha maior oferta dirixida ao público infantil, que se está ultimando». Ferreiro avanzou que unha das actrices máis recoñecidas do panorama nacional, Aitana Sánchez Gijón, actuará o vindeiro ano en Narón, no marco do Festival Singular que o Padroado da Cultura e a produtora Eme2 coorganizan por segundo ano.

Programación de xaneiro

No mes de xaneiro, o día 14 ás 20.00 horas terá lugar un concerto de Sés. A cantautora coruñesa María Xosé Silvar, Sés, interpretará temas do seu cuarto álbume, “Opoñerse á extinción”. O día seguinte, o 15 de xaneiro, estrearase ás 18.00 horas o espectáculo de danza contemporánea da compañía Las Tricotouses, baixo o título de Emoticores, no que as cores, o son e o movemento xogan un papel fundamental no descubrimento de diferentes emocións. Está dirixido a nenos e nenas de entre 8 a 12 anos, estreouse a finais deste ano e ofertarase tamén aos colexios –cun custe de dous euros por cada espectador, para abonar o desprazamento en bus do colexio ata o Pazo- para que o alumnado acuda á representación programada para o 16 de xaneiro ás 11.00 horas. O teatro voltará ao Pazo nas xornadas do 21 e do 28 de xaneiro, cando se representarán as comedias Normas para saber vivir na sociedade moderna, de Sarabela Teatro, e O tolleito de Insihmaan de Contraproducións SL, respectivamente, ambas ás 20.00 horas.

En febreiro

A programación do mes de febreiro comezará o día 3, coa estrea de Estado de graza, unha obra de teatro contemporáneo da compañía Teatro do Noroeste, a partir das 20.30 horas. A mesma obra representarase o sábado 4 ás 20.00 horas. O segundo espectáculo previsto en febreiro será outra estrea, neste caso tamén teatral, da comedia O soño dunha noite de verán, unha adaptación da obra de William Shakespeare da compañía Voadora, a partir das 20.00 horas. O teatro continuará marcando a programación de febreiro os días 17 e 18, coa representación de Los Malditos –que aborda temas como a escravitude ou a trata de mulleres, entre outros-, de Unahoramenos Producciones ás 20.30 e 20.00 horas, respectivamente. Pechará a proposta de febreiro no Pazo un concerto de tributo a Queen a cargo de Tertulia Produción, Dr. Queen.

No mes de marzo

No mes de marzo abrirá de novo a programación unha estrea teatral. Os días 3 e 4, ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente, a compañía Talía Teatro representará a comedia Ubú Rei. Tralo espectáculo de ópera Tosca, con música de Giacomo Puccini, a cargo de Concerlírica, previsto para o 5 de marzo ás 19.00 horas no Pazo, será de novo o turno do teatro, con seis representacións de cinco obras enmarcadas no Festival Singular, organizado entre o Padroado e a produtora compostelana Eme2. Este ciclo constitúe  «toda unha aposta polas artes escénicas e entre os seus obxectivos aposta pola consolidación dos espectadores habituais deste tipo de espectáculos, que son moitos en Narón e noutros concellos da comarca, e tamén por atraer a unha nova audiencia», tal e como destacou Marián Ferreiro.

Festival Singular 2017

O primeiro dos espectáculos enmarcados no Festival Singular de 2017 será unha nova estrea: A noiva de Don Quixote, unha comedia que protagonizará o elenco da compañía Eme2 os días 10 e 11 de marzo, ás 20.30 e 20.00 horas, respectivamente. O segundo espectáculo programado no Festival Singular será o día 12, coa comedia Desconexión, de Xurxo Cortázar, ás 19.00 horas; o terceiro o día 17, con Teatro del Zurdo (Luis Bermejo), que representará a comedia El minuto del payaso a partir das 20.30 horas. Os dous últimos espectáculos deste ciclo son o día 18 de marzo, ás 20.00 horas, coa representación de Medea. Lectura dramatizada da obra de Séneca, con Teatro de La Ciudad, que traerá ao Pazo á actriz Aitana Sánchez Gijón e o día 19 coa representación da obra Pegadas, de Teatro de Ningures, a partir das 19.00 horas.

A programación aprobada para o primeiro trimestre de 2017 –e pendiente de pechar definitivamente con novas propostas culturais- continuará o día 25 cun concerto da cantante Guadi Galego, no que interpretará temas do seu terceiro disco en solitario, titulado O mundo está parado, e con seis dos dez temas que inclúe escritos pola afamada artista galega. A cita dará comezo ás 20.00 horas.

As entradas para os diferentes espectáculos poden adquirirse na billeteira do Pazo da Cultura, de luns a sábado en horario de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 e os domingos e festivos a partir dunha hora antes do inicio dos mesmos.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …