Narón asina convenios de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas e AFAES Porta Nova

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a concelleira delegada de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, asinaron esta mañá senllos convenios de colaboración con Teresa Gallo, presidenta da Asociación de Persoas Xordas de Ferrol, e co seu homólogo da Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Psíquicos –AFAES Porta Nova-, Félix Pena, para o desenvolvemento de diferentes accións asistenciais e formativas no marco dos seus respectivos programas de actuación.

O rexedor naronés incidiu na importancia que ten para o Concello que preside a colaboración con entidades de carácter social e sinalou que todas as administracións teñen o deber de traballar conxuntamente con elas para mellorar a atención das persoas afectadas.

O convenio coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrol supón unha achega municipal de 2.500 euros e servirá para financiar parte do programa de atención a persoas xordas, que inclúe un servizo de intérpretes de lingua de signos e asesoramento técnico en cultura xorda. Así, o obxectivo desta acción é facilitar o acceso a servizos relacionados coa educación, a formación, o mundo laboral, a tramitación de prestacións ou a participación en actividades, entre outros.

Pola súa banda, a Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Psíquicos AFAES Porta Nova recibirá 10.000 euros cos que poderá desenvolver o seu programa de atención a persoas con enfermidades mentais, tanto de persoas derivadas para a realización das actividades propias da entidade como nos centros de rehabilitación psicosocial laboral e ocupacional que ten a disposición dos asociados.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …