O Concello de Cabanas vén de gañar a última batalla xudicial planteada por Viaqua ante a negativa municipal de incrementar as tarifas da auga en base ó incremento do IPC. Dende un primeiro momento, o Concello negouse a aceptar as pretensións da empresa concesionaria do servizo, xa que consideraba inxustificado o incremento solicitado, e Viaqua levou ós tribunais a súa reclamación. Finalmente, a xustiza avala a súa tese.
O Concello evitará así un desembolso económico superior ós 300.000 euros correspondentes ó incremento pretendido por Viaqua respecto ós anos 2012 (106.716,91 euros); 2013 (96.59,64 euros) e 2014 (110.502,92 euros). De acceder, o Concello veríase sen dúbida obrigado a subir tamén as tarifas á veciñanza.
A sentenza dictada con data de 7 de decembro polo Contencioso Administrativo número 1 de Ferrol falla a favor do Concello dando por boas as súas teses. O Concello argumentaba que a actualización de tarifas conforme ó IPC debía estar xustificado dende un punto de vista económico. Para iso, solicitou á concesionaria información tanto dos custes e gastos do servizo como da conta de explotación. Información que nunca se facilitou á Administración.
Non é a primeira vez que o Concello se ve na obriga de acudir ós tribunais para defender os intereses dos veciños neste tema. Anteriormente, as reclamacións por actualización das tarifas de exercicios precedentes tamén se dirimiron en sede xudicial a instancias da concesionaria. O Concello tivo entonces que chegar ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, evitando ceder ante as pretensións da firma e o gasto de centos de miles de euros para as arcas municipais.
Nesta liña, o Concello recorda que leva dende 2003 conxelando as taxas e que continuará traballando para garantir un servizo básico de calidade e ó mellor prezo posible para a veciñanza.