A Valedora arquiva unha segunda queixa remitida polo edil de Eliximos Narón

naron-concello-20-1A Valedora do Pobo, Milagros Otero arquivou unha segunda queixa remitida polo representante de Eliximos Narón Electores (ENE), a raíz dunha alegación presentada pola Asociación ASCM ao Regulamento Municipal do Concello. O edil apuntaba no seu escrito que o Regulamento «non facilita a accesibilidade dos discapacitados á zona pública do local habilitado para a celebración dos plenos municipais e para o acceso á información pública» . Trala oportuna comunicación o goberno local enviou un escrito á Valedora que a levou a pechar o expediente. «Á vista da realidade dos feitos, este novo pau deberíalle servir ao concelleiro para evitar os continuos traballos que obriga a facer aos funcionarios municipais presentando continuamente queixas que carecen de sentido», tal e como apuntou o alcalde, José Manuel Blanco.

En aras de defender os intereses da veciñanza, desde a Alcaldía de Narón tramitouse como unha alegación a queixa da ASCM, encargándose os preceptivos informes xurídicos e técnicos e nos que se conclúe, tal e como se lle informou á Valedora, que «o itinerario de acceso desde o exterior do edificio e de comunicación vertical e horizontal ata o terceiro andar, donde se sitúa o local de bancadas do salón de plenos, permite ás persoas con discapacidade e mobilidade reducida a súa asistencia á celebración dos citados actos».

A maiores, e tamén co fin de facilitar o acceso á información municipal a toda a cidadanía, estanse publicando as actas íntegras dos plenos na páxina web do Concello e na de Transparencia, esta última recentemente felicitada pola súa calidade e vocación didáctica desde a Federación Española de Municipios e Provincias.

«Resulta cando menos curioso que un concelleiro se erixa como representante dunha asociación para presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo», apuntou o alcalde, José Manuel Blanco, que incidiu novamente en que «vinte dos vinte e un concelleiros da corporación local, o que é o mesmo que todos menos o representante de ENE, aprobaron o citado Regulamento Orgánico do Concello, no que en ningún momento se regulan cuestións de accesibilidade».  En todo caso, apuntou o alcalde, «o tema queda pechado con esta resolución da Valedora na que se atenden os informes emitidos a nivel xurídico e técnico desde o Concello».

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …