Aprobada a conversión da Horta de Quinín, de Camouco, nun espazo verde didáctico

 

Parte asistentes asemblea
Parte asistentes asemblea

A Horta de Quinín xa ten proxecto definitivo. As persoas participantes na segunda asemblea do proceso participativo para darlle novos usos á parcela aprobaron por unanimidade a proposta presenta pola Comisión Interasocietaria, composta pola Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Asociación Betula.

O proxecto propón a conversión da parcela, a día de hoxe en desuso, nun espazo polivalente no que se poñan en valor as especies autóctonas e se promova o respecto ao medio ambiente, á biodiversidade e aos elementos identificadores do territorio.

En detalle, o borrador presentado supón dotar á Horta de Quinín dunha área dedicada ao cultivo de árbores froiteiras autóctonas. Os técnicos da Comisión recomendan unha plantación baseada en maciñeiras, pereiras e ameixeiras. O resto do terreo estará ocupado por microespazos para cursos e hortos individuais, destinados a aqueles veciños e veciñas que os soliciten.

Esta proposta mixta de froiteiras e hortos é o resultado das enquisas realizadas aos e ás asistentes á primeira asemblea do proceso participativo da Horta de Quinín. Pero ademais, nesa sondaxe moitos dos asistentes demandaron que as actividades que se vaian realizar na parcela teñan un fin didáctico. A Comisión Interasocietaria xa amosou o seu compromiso para desenvolver na Horta novos cursos e actividades que fomenten a participación e a implicación no proxecto dun público amplo. Neste aspecto, faise especial fincapé no desenvolvemento de actividades infantís, que permitan aos máis pequenos coñecer a vida da horta e os procesos de cultivo.

Outro dos aspectos a impulsar, en base ás demandas de varios dos participantes nas asembleas, será a instalación dunha pequena área de lecer con bancos, na que se recupere o pequeno regato que atravesa a leira. Por último, entre as peticións escoitadas nas asembleas cómpre ter en conta tamén a recuperación das construcións coas que conta a Horta: un muro tradicional e un alboio de pedra de dous andares. Varios enquisados salientaron a súa urxente rehabilitación, como unha boa mostra do patrimonio e da arquitectura tradicional.

Comezan os traballos

A Comisión Interasocietaria marcou xa para o vindeiro sábado 29 de outubro ás 10 horas a primeira xornada de recuperación da Horta de Quinín. Nesa xornada procederase á limpeza e desbroce da parcela, grazas á colaboración de voluntarios.

O número de participantes é aberto, polo que calquera persoa pode achegarse a colaborar nos traballos contactando coa organización no teléfono 680-16-19-29.

A parcela

A parcela sobre a que se vai actuar está situada na rúa de Abaixo de Redes, en fronte ao lavadorio Novo. É propiedade da Agrupación Instrutiva de Caamouco dende 1998, ano do pasamento do pintor Joaquín Rojo Seijas «Quinín». O artista deixou en herdanza á Agrupación ese terreo, así como a súa obra pictórica e a súa biblioteca. Dezaoito anos despois, a xenerosidade de Quinín será recoñecida de xeito permanente coa creación deste espazo natural, que levará o seu nome.

Lea también

Cariño conmemora el 25N con actividades varias

El Concello de Cariño conmemorará el 25N, Día Internacional para la Eliminación de la Violencia …