A Concellería de Bibliotecas programa unha nova actividade coa que celebrar o Día Mundial das Bibliotecas, que se conmemora o vindeiro día 24. A iniciativa está programada para a canle de Youtube Eu leo, eu son booktuber, que alcanza a súa segunda edición, e dirixida a xente de todas as idades que pode participar a título particular ou en grupos de ata tres persoas. A proposta consiste en gravar vídeos a través da canle habilitada en Youtube sobre libros e experiencias lectoras. Deberán gravarse nas instalacións da propia Biblioteca o sábado 15 de outubro durante a mañá, e presentaranse ao público o 29 de outubro, data na que se sucederán varios actos con motivo do Día Mundial das Bibliotecas, tal e como avanzou a concelleira.
As gravacións terán unha duración de entre catro e sete minutos e estarán protagonizadas polos usuarios e usuarias da Biblioteca. Recomendar un estilo literario, o libro que máis lles gustou, a publicación que non recomendarían ou os mellores libros para ler según a idade, son algúns dos temas que poden centrar a temática dos vídeos.
Na canle Eu leo, eu son booktuber poden verse os traballos presentados á primeira edición desta iniciativa, que se convocou desde a Concellería de Bibliotecas no marco da celebración do Día do Libro, o pasado mes de abril.
As persoas que desexen participar nesta nova convocatoria deben anotarse na Biblioteca, chamando ao número de teléfono 981 382 173 ou escribir ao correo electrónico: biblioteca.central@naron.es. O número de prazas é limitado, pero recolleranse as solicitudes presentadas ata o martes día 11 de outubro. No caso de que a demanda de prazas supere á oferta realizarase unha selección, según se avanzou desde a organización.
Desde a Concellería de Bibliotecas animouse á veciñanza a participar nesta nova proposta «na que as recomedacións ou críticas a determinadas publicacións serán o eixo central dunha actividade cuxos resultados poderán ver todas aquelas persoas que accedan á canle da Biblioteca municipal en Youtube», apuntou Taibo.