Un total de 25 persoas maiores participan dende hoxe nos talleres do programa de Envellecemento Activo promovido polo Concello de Cabanas a través da concellería de Servizos Sociais. O alcalde, Germán Castrillón, asistiu á primeira sesión dos obradoiros, que se celebrarán todos os martes no local social de As Viñas en horario de mañá, de 11 a 12:30 horas, e valorou positivamente a resposta da veciñanza, que completou a totalidade das prazas ofertadas.
O programa conta con financiación da Deputación provincial da Coruña e máis do Concello e, a través do mesmo, búscase crear un espazo de encontro entre os maiores do municipio, especialmente das zonas máis rurais, evitando o seu illamento e favorecendo as relacións persoais e a súa participación nas actividades municipais.
Ademáis, e para que así sexa, o Concello costea un servizo de transporte interparroquial que despraza ós maiores ata o local social dende os seus domicilios. Servizo completamente gratuíto.
Os talleres teñen un nexo común, a recuperación da memoria histórica. O obxectivo que se persegue a través de diferentes actividades é dende ximnasia mental e física ata a creación de contidos nun blog específico que xestionan os propios maiores.