O Concello de Cabanas alíase coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e a Universidade de Santiago para poñer en marcha o proxecto de formación Emprego, Redes Sociais e Marca persoal. Con el, búscase apoiar a formación dos mozos e mozas, reforzando as súas competencias clave e favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades e capacidades para facilitar a súa inclusión no mercado de traballo. Ademáis, con esta iniciativa tamén se pretende fomentar o emprendemento como estratexia de emprego.
O programa, para o que xa está aberto o prazo de inscrición, está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos, aínda que terán preferencia os empadroados no municipio. As sesións celebraranse no salón de plenos do Concello de Cabanas do 13 ó 16, do 20 ó 23 e os días 26 e 27 de setembro, en horario de 16 a 21 horas.
A participación é gratuíta e, para anotarse, os interesados deberán enviar un formulario electrónico no seguinte enlace: http://www.voluntariadogalego.org/web/modulo.php?mod=ppr&idc=236. O prazo remata o 9 de setembro e as prazas están limitadas a 20.
Para a selección teranse en conta, entre outros criterios, o nivel de estudos, a situación de demandante de emprego, e ter desenvolto no último ano ou estar a desenvolver unha actividade estatutaria, funcionarial ou laboral, tanto propia como allea.
Por último, sinálase que os seleccionados recibirán un correo electrónico de confirmación da praza e, en caso de que non se recibise comunicación algunha antes do 12 de setembro ás 15 horas, entenderase que non se obtivo praza.