Algeciras, Perú, Madrid, Benidorm, Burdeos, Langreo ou Valladolid son, xunto a Viveiro, Vigo e Ferrol, algúns dos lugares de procedencia das trinta parellas que este ano casarán na festa de Lugnasad que se celebra a vindeira fin de semana en Cedeira, superando así as 20 de 2015.
O programa, que chega á súa oitava edición, recrea a vida e costumes dos celtas do Atlántico, incluída a elección de parella para pasar os rigores do inverno.
Manuel Aneiros «Hechi» foi a persoa que tivo a idea orixinal e a que segue a levar o peso dunha celebración para a que conta coa colaboración do Concello, a Asociación de Amigos de Lugnasad, a banda de música Vila de Cedeira, as asociacións de hostaleiros e comerciantes da vila e a entidade de Caza e Pesca Cedeira-Cerdido.
Hech, xa ten todo previsto para os próximos tres días. As celebracións terán como punto de partida a instalación de cabanas que xa están en construción e que axudan a recrear un antigo poboado celta. Haberá máis de 14 de diferentes estilos no camiño real da Madalena. Tanto a súa realización como os materiais empregados son responsabilidade dos grupos de amigos ou familiares dos protagonistas do Lugnasad, unha participación que supera as 200 persoas.
A convocatoria festiva arrincará o día 26 coa finalización da montaxe das cabanas e a celebración dos primeiros xogos infantís. A pilla dos trasnos, completa a parella e óso ao caldeiro serán algúns deles. A denominada Noite dos druídas dará comezo ás 23 horas. Trátase dun encontro de druídas no campo da festa, onde se preparará unha gran queimada que máis tarde compartirán todos os presentes.
O programa do día seguinte, o 27, será moi completo, xa que inclúe un desfile dende o poboado da Madalena ata a praza Roxa e a presentación oficial dos noivos. A saída será ás doce do mediodía. Xa pola tarde, a partir das 17 horas, comezarán os actos con xogos populares para nenos (a busca do grial e o home do saco), e actividades para os maiores (lanzamento do tronco, óso ao caldeiro e tiro da corda). Ás 19 horas será a entrega de premios aos gañadores. A festa concluirá coa celebración das vodas celtas e a cena dos noivos. Estes últimos actos serán ás 23 e 23:30 horas, respectivamente.
A cerimonia das vodas é gratuíta. Durante todo o ano Manuel Aneiros está moi activo nas redes sociais para garantir o éxito da convocatoria.