A praia da Frouxeira será este domingo 28 escenario da segunda edición da Carreira Popular na area. Organizada pola concellería de Deportes do Concello de Valdoviño no marco do programa municipal Ociosol, arrancará ás 11 horas do posto de socorrismo e a inscrición, completamente gratuíta, debe realizarse unha hora antes do inicio nese mesmo punto.
O alcalde, Alberto González, explicou que «está aberta á participación de nenos e maiores, xa que o percorrido é de dificultade baixa. Haberá tres categorías: Benxamíns –uns 200 metros-; Alevíns e Infantís –uns 400 metros-, e Absoluta (dende cadetes a veteráns) –sobre 5.000 metros-».
Con esta cita, o Concello quere promover o deporte en familia e haberá premios para os tres primeiros de cada categoría, tanto masculina como feminina. Saída e meta ubícanse na caseta de socorrismo ubicada no areal e alcanzarase a zona de Outeiro.
«Esta Carreira, nun entorno natural único, foi recuperada polo Concello o ano pasado tras un parón duns dez anos», indicou o alcalde. Así mesmo, dende a concellería de Deportes anímase a veciños e visitantes a participar na carreira e conseguir de novo que sexa un auténtico éxito.