Tellado destaca a coherencia do PPdeG fronte ás forzas da oposición

miguel tellado-21

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, puxo en valor esta mañá a «coherencia e a fiabilidade do PPdeG fronte á volatilidade das forzas do oposición». Así, contrapuxo a «uns populares que tomámonos Galicia en serio contra unha alternativa formada por forzas que ou ben non saben onde están, ou ben non saben o que son e mudan cada día».

O número dous do PPdeG lembrou as liortas internas das forzas da oposición, citando aos socialistas «que hoxe renegan do seu candidato, aos nacionalistas que teñen anunciado que apoiarán ao candidato das Mareas ou aos militantes das Mareas e de Podemos que rexeitan agora unha alianza que lles valía fai mes e medio».

Tellado incidiu na «farsa que supón o proceso de primarias da Marea, deseñado na mesa camilla dos tres alcaldes para traizoar a Beiras en canto deixou de serlles útil», e avanzou que en setembro «as Mareas terán un candidato elixido pola cúpula e sen experiencia de xestión que podería gobernar se o PPdeG non obtén a maioría suficiente», polo que advertiu de que «dividir o apoio noutras forzas pode ser un voto que axude ás Mareas».

 

Tellado fixo estas declaracións no marco dunha rolda de prensa na que, acompañado polo deputado Hipólito Fariñas, fixo balance do goberno de Alberto Núñez Feijóo e dos seus resultados para a área de Ferrol. Tellado lembrou que Fariñas e el son os únicos representantes da zona no Parlamento de Galicia logo de que as deputadas ferrolás das forzas da oposición, Yolanda Díaz e Beatriz Sestayo, «desertaron de defender Ferrol no Parlamento en busca de postos máis cómodos».

Galicia e Ferrol, crecendo e con máis emprego

O número dous dos populares galegos lembrou a tendencia á alza do emprego nestes momentos, lembrando que taxa de paro é 3 puntos inferior á existente no comezo da lexislatura e que hai case 50.000 afiliados máis á seguridade social.

Tellado atribuíu as melloras de emprego e crecemento económico a políticas da Xunta que melloran a empregabilidade das persoas traballadoras como poden ser o incremento dun 50% das prazas de Formación Profesional dende 2009, a accesibilidade das ensinanzas universitarias ao ter as taxas máis baixas do Estado ou o inicio da expedición por parte da Xunta das acreditacións oficiais que certifican a experiencia laboral e as capacidades de traballadores sen formación regrada.

Asemade, lembrou que a mellora do emprego vén derivada de que «a solvencia de Galicia ten permitido que levemos once trimestres seguidos con taxas positivas de crecemento interanual do PIB». Tellado defendeu este «crecemento sólido, non baseado no recurso a débeda como noutras Comunidades Autónomas senón en melloras estruturais da economía como o récord histórico de exportacións acadado o pasado ano e que vai camiño de superarse neste ou os máximo histórico de visitantes turísticos conseguido no primeiro semestre deste mesmo ano».

 

En concreto para a área de Ferrol, o deputado Hipólito Fariñas quixo lembrar o impacto positivo para a actividade económica que tivo a reactivación de Navantia cos contratos obtidos con PEMEX, Ondimar ou a armada española.

Fariñas salientou a construción das jackets de eólica mariña para Iberdrola como unha actividade innovadora e de futuro que «supuxo rachar o veto socialista histórico á antiga ASTANO cun contrato de relevancia mundial».

Lembrou tamén os impulsos a outros sectores como o pesqueiro, coa nova lonxa de Cedeira ou o turístico, coa aprobación da delimitación oficial do Camiño Inglés.

Galicia e Ferrolterra, mellores para vivir e ter fillos

O secretario xeral do PPdeG quixo salientar que esta mellora económica veu acompañada tamén de melloras na calidade de vida ao longo destes anos. Referiuse á aposta medioambiental que supuxo en toda Galicia a posta en marcha de 45 depuradoras, un compromiso que Fariñas lembrou que tense concretado en Ferrolterra cun saneamento integral da ría que supuxo «o maior investimento medioambiental da historia de Galicia».

No tocante ao impulso á natalidade, Tellado puxo en valor o aumento dun 76% das prazas de escolas infantís financiadas con fondos públicos dende o ano 2009 así como a existencia das mellores deducións fiscais por fillo de todo o Estado mentres que Fariñas resaltou que a aposta demográfica ten chegado con forza a Ferrolterra a través de 400 novas prazas repartidas nas novas escolas infantís de Ferrol, Fene, Neda e Ares así como coa integración na rede autonómica das de Narón e Cedeira.

O número dous do PPdeG salientou, do mesmo xeito, as melloras en servizos básicos como educación e sanidade. «Mentres o ensino público conta hoxe con novas posibilidades como a ensinanza plurilingüe ou as aulas dixitais que chegan xa a máis de 100.000 alumnos, a asistencia sanitaria ten mellorado tanto en dotacións como en eficiencia, con máis intervencións cirúrxicas realizadas cada ano e co tempo medio de espera en mínimos históricos».

 

Na mesma liña, Hipólito Fariñas cifrou en 19 os centros educativos plurilingües en Ferrolterra, aos que hai que sumar outros 26 con seccións bilingües e lembrou que «preto de 2 millóns de euros do chamado «superávit de responsabilidade” irán destinados a obras en 30 centros da área». No eido sanitario destacou os centros de saúde das Somozas, Ortigueira, Ares e A Capela así como a ampliación do de Serantes e a sinatura co concello de Narón para a construción doutro neste municipio.

Finalmente puxo en valor a próxima aprobación, xa dotada orzamentariamente, do Plan Director que suporá a ampliación do Hospital Arquitecto Marcide.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …