O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considerou unha falla de respecto por parte do goberno municipal tanto para cos grupos municipais como para cos colectivos sociais da cidade a decisión de suspender o acto institucional para comemorar o Día Nacional de Galiza, previsto para este mediodia.
O portavoz do Bloque, Iván Rivas, considerou que «estamos fronte a un goberno institucionalizado que asume o estatus quo establecido, que acude a canto acto institucional hai pero que é capaz de suspender esta celebración pola ameaza de chuvia que non se produciu, nunha cidade onde este fenómeno climatolóxico é habitual».
«Do mesmo modo que a ninguén se lle ocorre suspender unha manifestación porque chove que se tome a decisión de suspender un acto reivindicativo da existencia de Galiza é o síntoma claro da absoluta indiferencia deste goberno diante da reivindicación da nosa existencia como pobo», manifestou Rivas, que considerou que os actos se fan con obxectivos concretos «e asumilos como simples trámites exemplifica a indolencia deste goberno diante deste acto en concreto. Un goberno que non dubida en acudir a saúdar ao presidente de Navantia chova ou neve sexa na cidade ou fora dela», apuntou, tildando ao goberno de «prepotente».
«O BNG cre que tería sido máis adecuado continuar coa celebración do mesmo igual que, en circunstancias con climatoloxía máis adversa que coa que nos atopabamos este mediodía, se teñen celebrado actos institucionais por parte deste Goberno municipal», dixo Rivas, polo que desde o BNG tomaron a decisión de acudir igualmente à praza do Himno Galego e desenvolver a ofrenda floral que tería que ter realizado o conxunto da corporación municipal.
Este alcalde faltalle capacidade para cumprir co programado,e unha falta de respeto os ciudadans, que somos galegos sr.alcalde