Máis de medio milleiro de persoas acudiron á Festa do Pemento do Couto

naron-o couto-1A décimo oitava edición da Festa Gastronómica do Pemento do Couto, en Narón, reuniu este domingo xunto ao local social da Picota a algo máis de medio milleiro de persoas. A cita, organizada polo Concello, a cooperativa do Val, a Asociación de Veciños do Couto e a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, foi todo un éxito.

A partir das 10.00 horas abriron os postos instalados nas inmediacións do local social da parroquia, nos que se podían adquirir diferentes produtos de alimentación ecolóxica, xabróns artesáns e doces, entre outros. A media mañá comezaron a desenvolverse os actos incluídos na programación desta tradicional cita festiva da localidade.

O presidente da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Tomás Casal, encargouse de presentar un acto no que a partir das 13.00 horas a xornalista compostelana Raquel Fernández se encargou da lectura do pregón, no local social da Picota. Na súa intervención, Fernández, que na actualidade exerce a súa profesión na TVG, destacou o traballo de produtores e comercializadores destes afamados pementos e recordou aos alí presentes algunhas das características da variedade propia dos do Couto.

O representante da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto asegurou que a elección da xornalista compostelana responde a anteriores traballos xornalísticos realizados por ela sobre esta variedade de pementos.

Trala intervención de Raquel Fernández, tal e como estaba previsto, Casal agradeceulle a súa presencia no acto e entregoulle uns agasallos para, a continuación, proceder á distinguir co «Pemento de Honra» a Anselmo Beceiro, expresidente da Asociación de Veciños do Couto. Tomás Casal destacou a labor de Beceiro nos últimos catorce anos á fronte da entidade veciñal da parroquia e tamén a súa «inestimable» axuda na organización de diferentes actos, entre eles anteriores edicións da «Festa Gastronómica do Pemento do Couto».

naron-o couto-2

O alcalde, José Manuel Blanco, foi o encargado de colocarlle a capa da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e de entregarlle a un emocionado Anselmo Beceiro o «Pemento de Honra». O expresidente da AVV tomou a palabra para asegurar que o premio é da Asociación de Veciños, e recordou tamén o traballo realizado por outras persoas da entidade veciñal do Couto, ofrecendo a súa colaboración á nova directiva, á que agradeceu o relevo.

Rematados os actos oficiais, os asistentes a esta cita festiva ocuparon as mesas e sillas ubicadas baixo unha carpa xunto ao local social da Picota, donde se dispuxeron a degustar un menú a base de churrasco – 370 quilos-, pementos do Couto –servíronse case cincocentos quilos-, cachelos, pan, auga, viño, xeado e café ao tizón, cun custe de doce euros por persoa. Veciños e visitantes tiveron a oportunidade de degustar os saborosos pementos do Couto, cuxa excelente calidade recoñece a súa Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

Así mesmo, o mosteiro do Couto, que o sábado á noite rexistrou tamén un importante número de visitas con motivo das exitosas «Noites no mosteiro», coa iluminación exterior do cenobio e música de cámara no interior a cargo do grupo «Musgalia», é novamente este domingo outra das propostas ofertadas no programa festivo. Entre as 11.00 e as 12.00 desenvolvéronse varias visitas guiadas ao interior deste cenobio naronés e a convocatoria repitese esta mesma tarde, de 17.00 a 19.00 horas. Non falta tampouco a música, a cargo dun dúo que ameniza a xornada festiva, que se prolongará durante boa parte da tarde.

A concelleira de Festas, Mar Gómez, agradeceu a labor da Asociación de Veciños do Couto, da cooperativa do Val e da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, «por manter con gran éxito esta celebración que vai xa pola décimo oitava edición pero que grazas á boa acollida entre a veciñanza e os visitantes, poderá cumprir moitas máis». A edil tivo tamén palabras de agradecemento para os veciños e veciñas que cultivan estes pementos, «contribuíndo a que poidamos continuar celebrando esta festa gastronómica e tamén dando a coñecer a gran calidade destes pementos fóra de Narón e desta comarca».

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …