O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol denunciou esta mañá a «falla de sensibilidade medioambiental do goberno local» ao considerar que permite e colabora na instalación de carpas incluso representativas do Concello, e outros elementos, no sistema dunar da praia de Doniños, «afectando gravemente a un espazo natural protexido primando o espectáculo fronte a protección da fráxil biodiversidade natural desta zona e en especial às especies ameazadas que teñen neste contorno o seu hábitat durante estes días pasados.
O BNG censurou así que o goberno de Suáre está a incumprir o plan de conservación da Píllara das Dunas, declarada en perigo de extinción polo Catálogo Galego de especies ameazadas, contaba no ano 2008 só con 81 parellas nidificantes en Galiza. Entre as medidas atopadas no documento, faise referencia ás restricións para acceder ao cordón dunar de dúas praias ferrolanas: Doniños e San Xurxo. Así, queda prohibido o acceso de persoas, mascotas e vehículos motorizados ao cordón dunar destas praias na época de cría. Tamén recolle a necesidade de que as limpezas de praias se fagan de xeito manual nas praias de cría desta ave.
«Desde o BNG censuramos a indiferencia do goberno local ao menosprezar e incumprir a moción presentada polo BNG e aprobada en febreiro deste mesmo ano que entre outros acordos estabelecía a necesidade de que se tomaran as medidas necesarias para que as obras de adecuación das praias que se atopan dentro de espazos protexidos, se realizasen de xeito que causen o mínimo impacto posible sobre os valores naturais que nestes espazos protexidos existen. Ademais de que hai que ter en conta a cantidade de restos de desperdicios que estas instalacións xeran e que poden causar importantes afectacións a este espazo protexido», manifestaron dende a formación nacionalista.
«É importante que nos contornos naturais se interveña o mínimo indispensable para non alterar as dinámicas naturais, pero de ter que realizarse algunha actuación debe valorarse previamente como vai afectar esta intervención aos valores que se pretenden conservar e que desde o goberno municipal se asuma activa e conscientemente a necesidade de protexer estes espazos naturais», apuntaron no seu comunicado.