Cedeira traballa coa Consellería de Política Social de cara á ampliación da Escola Infantil

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, mostrouse satisfeito da reunión mantida na mañá deste luns en Santiago co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíño, a que acudiu acompañado da edil de Servizos Sociais, Manuela López. Dúas foron as cuestións que focalizaron a reunión. Por unha banda, a necesidade de ampliar a escola infantil e por outra o incremento do número de traballadoras sociais para mellorar o servizo.

O alcalde de Cedeira arrincou como primeiro compromiso realizar unha memoria valorada sobre a posibilidade de aumentar ata duplicar os espazos actuais da gardería para contemplar a ampliación a cociña e dispoñer dunha nova sala de xuntas e tamén de almacéns. Dita reforma require a ocupación dun edificio contiguo ao actual e tamén de carácter público.

Como punto de partida, o Concello comezará a traballar case de maneira inmediata na elaboración do documento para saber o custo das obras. «O obxectivo é coñecer as cifras reais», tal e como apuntou o alcalde. Moreda explicou que «se trata dunha necesidade pero aínda que sexa así non vamos traballar sobre unha utopia». O alcalde manisfestou a súa intención de reunirse xa nos próximos días con persoal da oficina técnica para comezar a traballar no diagnóstico.

Posteriormente, Moreda Gil manterá un novo encontro cos responsables da Xunta en materia de Benestar para coñecer o compromiso económico que poderían asumir cada unha das partes implicadas no proxecto. O Concello invertirá este ano uns 20.000 euros en obras de mellora na gardería, unha colaboración que Rey Varela agradeceu expresamente ao alcalde. A matrícula actual do centro ronda os 60 rapaces menores de tres anos. «A demanda de prazas segue crecendo», sinalou o alcalde.

O segundo tema foi a posible ampliación da plantel de traballadoras sociais. O conselleiro avanzou a posibilidade de cubrir unha media xornada e tamén a de crear unha praza máis. O alcalde valorou esta boa disposición do titular de Política Social xa que, desta forma, o Concello tamén podería ofrecer máis horas de servizos.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …