O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acusou na mañá deste venres ao goberno local de Ferrol de, en complicidade coa Xunta de Galiza, pretender eximir de responsabilidade ao Estado pola construción dunha EDAR defectuosa que non funciona asumindo o mesmo convenio para a xestión da depuradora que desenvolveu o anterior goberno do PP.
Para o BNG é incomprensíbel que este goberno non rexeite este convenio, cando menos, até que a EDAR estea en condicións de entrar en funcionamento e o Estado, responsábel da súa construción, asuma os custes da súa reparación.
Esta decisión implica ademais que a xestión desta infraestrutura vai a seguir desenvolvéndose por EMAFESA, a pesar de que o actual goberno ten denunciado de maneira reiterada que se lle cobrou aos veciños e veciñas desta Cidade por un servizo de saneamento inexistente.
Polo tanto para o BNG é tamén incomprensíbel que se isto é así que se renove o convenio para a xestión da EDAR con Augas de Galiza e a súa entrega a EMAFESA.
«Hai que lembrar que a Xunta de Galiza asumiu a titularidade dunha infraestrutura defectuosa sen revisala e sen cuestionala para posteriormente entregarlla ao Concello de Ferrol gobernado polo PP que submisamente e sen o máis mínimo control e comprobación da infraestrutura aceptou a xestión dunha EDAR que non funciona .
Despois de terse constatado a través de diferentes informes que a EDAR estaba nun estado defectuoso que impedía o seu funcionamento este goberno pretende seguir asumindo a xestión desta infraestrutura sen o máis mínimo cuestionamento nen exixencia tanto á Xunta de Galiza responsable da EDAR, nen ao Estado responsable da súa construción.
Desde o BNG descoñecemos que foi o que mudou na actualidade con respecto ás decisións adoptadas polo PP tanto no que ten que ver co convenio asinado con Augas de Galiza como o que ten que ver coa encomenda de xestión desa depuradora a EMAFESA para que o goberno local decidira manter estes acordos nas mesmas condicións en que estaban» , sinalan nun comunicado