O paseo marítimo de Xuvia acollerá este sábado 11 a tradicional Xornada de Convivencia das Escolas Infantís Municipais de Narón, na que colabora o Concello. Preto de seiscentas persoas participarán nesta convocatoria, que se desenvolverá entre as 12:30 e as 17:30 horas baixo unha carpa instalada na zona. Os menores matriculados nas garderías da Solaina, A Gándara e Piñeiros, as tres xestionadas polo Concello, dado que a de Xuvia forma parte da rede da Galiña Azul da Xunta de Galicia, e as súas familias gozarán dun completo programa de actividades deseñado para a ocasión, tal e como avanzou a edil de Ensino, Mercedes Taibo.
Así o avanzou a edil de Ensino do Concello de Narón, quen indicou que «a cita comezará coa chegada das familias a Xuvia, para a continuación dar paso a unha gran variedade de xogos cooperativos nos que poderán participar os menores e as súas familias. A mediodía haberá un xantar comunitario, para o que os asistentes levarán a comida das súas propias casas».
A música centrará parte do programa a desenvolver en Xuvia tanto durante a maña como a primeira hora da tarde. A banda musical Uxía Lambona e a Banda Molona, un proxecto musical á vez que formativo, interpretará varios temas populares galegos dun xeito moi dinámico, fomentando así a implicación dos nenos e tamén dos seus acompañantes. Bailes, xogos e divertidas coreografías sucederanse ao longo da xornada, na que tamén haberá varias sorpresas para os asistentes.
«Esta convocatoria prográmase cada ano a modo de intercambio entre as familias, para que poidan coñecerse tanto entre eles como os seus fillos e fillas, compartindo as súas experiencias nas escolas infantís municipais e, ao tempo, a modo de despedida dos nenos e nenas que pasarán o vindeiro curso aos centros de Infantil e Primaria tras finalizar a súa etapa nas garderías», apuntou Taibo.
Tremenda la discriminación de los niños de Xuvia. Recordarle al Alcalde que es una actividad con dinero público y no debería de ejercer distinciones con ningunos de los menores de Narón sean de la guardería que sean y la gestione quien la gestione.