A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, e a presidenta da AVV Os Irmandiños do Val, Ana Belén Rodríguez, presentaron esta mañá o programa de actos para celebrar a décimo novena edición da recreación das Lendas da Pena Molexa, que será o 18 de xuño no lugar de Vilasuso, no Val. O Concello e a citada entidade veciñal colaboran na organización deste evento potenciándoo desde hai varios anos coa programación de actividades paralelas en xornadas previas a esa data.
As actividades deseñadas con motivo desta tradicional festividade comezarán o 4 de xuño cun roteiro cicloturista, que ás 10:30 horas partirá das inmediacións do local social e no que se realizará un percorrido polo entorno para coñecer o patrimonio cultural do Val. A convocatoria está aberta á participación de todas as persoas interesadas en acudir e conta coa colaboración da Concellería de Seguridade Cidadá, dirixida polo edil Guillermo Sánchez, a través do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.
O 10 de xuño celebrarase unha Andaina solsticial, cuxa comitiva partirá ás 22:30 horas do convento de Baltar desde donde, ataviada con fachos, irá ata a Pena Molexa realizando paradas para ver elementos patrimoniais, como o castro de Vilasuso e o propio convento.
Os actos propios da representación das Lendas da Pena Molexa serán o 18 de xuño. O programa festivo iniciarase ás 18 horas, con xogos populares e actividades de deporte rural, para a partir das 20:30 horas dar comezo a actuación do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Ás 21 horas haberá unha churrascada a prezos populares con churrasco molexo e bocata lopeso, e ás 22:30 actuará o grupo de música folk Zoadeira. A representación das Lendas, que narran a conversión dunha Pena en fada ou doncela coincidindo co solsticio de verán, a cargo de veciños do Val como marca a tradición, comezará á medianoite. Ás 00:30 horas haberá unha lumeirada e repichoca popular.
Desde a organización desta convocatoria animan aos veciños de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita festiva, ao tempo que lúdica e cultural, con gran tradición na localidade naronesa e con actividades dirixidas a persoas de todas as idades.