O Auditorio municipal de Narón acollerá esta fin de semana, sábado e o domingo, as Mostras de Actividade Escolar 2015-2016 dos Obradoiros municipais de Teatro de Narón. Un total de 83 alumnos os Obradoiros de teatro subiranse ao escenario para representar varias obras e poñendo así o broche final ao curso iniciado o pasado mes de outubro e que rematará este mes.
A vicepresidenta do Padroado da Cultura e edil da área, Marián Ferreiro, destacou o traballo realizado polos alumnos que asisten ás clases de teatro e tamén do profesorado que as imparte. Así mesmo, a concelleira animou á veciñanza a asistir a estas representacións, todas de balde, para comprobar os resultados e os avances dos participantes nestes obradoiros teatrais, a cargo do Padroado da Cultura de Narón e descentralizados nas diferentes parroquias e barrios da localidade.
Na xornada de sábado será o turno do Obradoiro de teatro da Fundación Terra de Trasancos do Val –con sete persoas-, que a partir das 18:30 horas representará a peza Non hai ladrón que por ben non veña. Ás 19.30 horas será o turno do Obradoiro de teatro de Piñeiros –once persoas-, que representará A creación.
O fin de curso dos Obradoiros infantís terá lugar na tarde do domingo, a partir das 17:30 horas. Sucederanse os protagonizados polo alumnado dos do Alto -8 persoas-, coa obra O soldado pequeniño; de Pedroso –15 alumnos-, con Hamlet; da Solaina -20 persoas-, con Don Quijote de la Mancha e Na casa de Xerarda a Calva (cun final feliz) e, por último, da Gándara -22 persoas-, coas obras Lisis trata e O escenario alucinante (ou “Un retablo de maravillas”).