Narón acolle un obradoiro de Seguridade Viaria dirixido a maiores

O Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros acolleu esta mañá, ás 11 horas, un obradoiro de Seguridade Viaria dirixido aos maiores. A axente da Policía Local Sonia López, integrante do equipo de Seguridade Viaria do Concello de Narón, desprazouse ata as instalacións para explicarlles aos asistentes unha serie de bos hábitos a adquirir como condutores e como viandantes.

Para a xornada contou coa axuda de dous escolares de terceiro curso de Primaria do colexio Santiago Apóstol, Laura Lage e Iago Vidal, que tamén participaron na actividade explicando aos asistentes algunhas cuestións relacionadas coa seguridade viaria que eles mesmos aprenderon nas actividades realizadas co equipo de Seguridade Viaria de Narón.

O edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, subliñou que con este tipo de convocatorias «trátase de concienciar á cidadanía, independentemente da súa idade, da importancia de cumprir as normas de circulación, respectando os sinais de tráfico como condutores e como peatóns para evitar posibles accidentes».

Os participantes viron unha proxección na que se expoñían unha serie de situacións cotiás relacionadas coa circulación e o tránsito peonil e tamén abordaron as problemáticas máis frecuentes en materia de seguridade viaria. Como condutores nalgúns casos e como acompañantes ou peóns noutros, os maiores implicáronse na actividade e atenderon ás explicacións ofrecidas pola axente e tamén ás recomendacións feitas polos dous escolares do Santiago Apóstol.

Sánchez Fojo recordou ademais que os maiores serán os protagonistas dos actos incluídos no programa da Semana da Mobilidade e Seguridade Viaria e Prevención, que se desenvolverá con varios actos entre os días 23 e 29 deste mes na localidade. Un obradoiro sobre hábitos de vida saudables, outro sobre Seguridade e Protección e unha camiñata formarán parte das actividades destinadas o primeiro día ao colectivo de persoas maiores, apuntou.

O concelleiro de Seguridade Cidadá destacou o traballo que se realiza desde a área que preside a prol da seguridade viaria e tamén a implicación tanto dos maiores como do alumnado dos centros e dos diferentes colectivos sociais que participan ao longo do ano nas diferentes actividades programadas desde o Concello sobre esta temática.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …