O alcalde do Concello de Narón, José Manuel Blanco, e a edil municipal de Formación, Natalia Hermida, visitaron esta mañá ao alumnado de tres cursos do programa formativo municipal Habilita 2016 e un do II Plan Municipal de Igualdade, cuxas sesións se imparten nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.
O rexedor local e a concelleira felicitaron aos alumnos polo traballo que están a realizar e animáronos a continuar apostando pola formación para ampliar os seus coñecementos en determinadas materias de cara a ter máis posibilidades á hora de poder acceder ao mercado laboral.
O alumnado das accións formativas de Electricidade Básica -300 horas-; Panadería e Bolería -310 horas- e Xestión de almacén-Carretilleiro -100 horas-, recibiu a visita de Blanco e Hermida, que comprobaron en primeira persoa os avances do colectivo nos últimos meses, desde o inicio das clases que están a piques de rematar (nalgunhas materias comezarán o vindeiro mes as prácticas en empresas localizadas en Narón, Ferrol, Fene e Mugardos).
Os tres cursos teñen un total de 45 alumnos -15 por cada modalidade- e forman parte do programa formativo municipal Habilita 2016. Con cargo a esta iniciativa de formación convocáronse tamén na localidade cursos de Peixería e Conversa en Inglés, tamén dirixidos a desempregados da localidade e con quince prazas cada un.
Así mesmo, recibiron a visita dos representantes municipais as alumnas dun dos dous grupos do curso de Confección que tamén se imparte nas citadas instalacións municipais. Esta acción formativa, que incluíu tamén outros cursos, enmárcase no II Plan Municipal de Igualdade de Narón e participan no mesmo un total de vinte mulleres desempregadas –dez en cada grupo-.
O alcalde e a edil de Formación comprometeron o respaldo do goberno local a este tipo de programas e agradeceron a participación do alumnado nas diferentes accións formativas e tamén das empresas que colaboran na parte das prácticas incluídas nestes cursos.