A Xunta promove o emprego de maquinarias e equipamentos agrícolas en réxime asociativo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe que o seu departamento promove o emprego de maquinaria e equipamentos agrícolas en réxime asociativo a través de axudas por valor de 3,5 millóns de euros. Así o sinalou esta mañá durante unha visita á Sociedade Cooperativa Galega Coparma, onde estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

A conselleira explicou que «con estas achegas preténdese fomentar o uso deste tipo de maquinaria e equipamentos, así como a introdución de novas tecnoloxías no rural, co fin de racionalizar os custes de mecanización, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético». Deste xeito, engadiu, «promóvese un uso sustentable da maquinaria en harmonía co medioambiente, feito que tamén redunda nunha mellora da calidade de vida no medio rural», sendo precisamente a cooperativa que hoxe visitou beneficiaria deste tipo de achegas.

Ángeles Vázquez subliñou que esta semana saíra publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para este 2016 e destacou que «estas axudas teñen boa cabida entre o sector primario, mostra diso son os preto de 300 expedientes aceptados dende o ano 2009, o que supuxo un investimento de preto de 17,5 millóns de euros e sendo a axuda media por expediente duns 55.000 euros», sinalou.

SCG Coparma

A Sociedade Cooperativa Coparma constituíuse para dar unha correcta solución aos problemas de mecanización que tiñan un grupo de explotacións no concello lugués do Páramo, as cales apostaron por compartir a maquinaria e crear unha Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA).

Esta cooperativa foi constituída no ano 2000 e está constituída por 8 socios, que teñen en total preto de 1.300 reses e unha superficie de traballo de 486 hectáreas. No pasado ano, esta sociedade foi beneficiaria de axudas á maquinaria por preto de 160.000 euros.

Lea también

Casi 13.000 estudiantes harán en Galicia la selectividad 2025, con grandes novedades en los exámenes

Las pruebas de la PAU, que se despiden de los tradicionales modelos A y B, …