Alumnado da Escola Municipal de Actores de Narón representa hoxe «Non sempre chega o bus»

Alumnado de terceiro curso da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores de Narón participará esta tarde nunha Mostra de Creatividade Dramática que comezará ás 20:30 horas no Auditorio municipal, na Praza de Galicia.

Así o anunciou a concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, que apuntou que o espectáculo Non sempre chega o bus, realizouno o dramaturgo e director naronés José Prieto a partir das ideas escénicas do alumnado que o protagoniza. A entrada é de balde, ao igual que a do resto de espectáculos incluídos na segunda das Mostras de Traballo Escolar do curso 2015-2016.

As historias partirán sempre da presenza dun autobús e foron os propios alumnos os encargados de escribir os diferentes monólogos, que intepretarán os propios compañeiros, aos que Prieto dirixiu no exercicio de Creatividade durante este curso. O obxectivo desta asignatura é estimular no alumnado o manexo dos recursos e da autonomía necesarias para a posta en pé dos seus proxectos escénicos.

«Trátase dunha actividade de gran interese para o desenvolvemento da vida artística que seguirán estes alumnos e alumnas cando remate este curso, o último nivel formativo na Escola Municipal de Teatro», asegurou a concelleira de Cultura. A edil naronesa valorou o traballo realizado polo colectivo, así como polo profesorado das Escolas Culturais Municipais dependentes do Padroado da Cultura.

Así mesmo, Ferreiro convidou á veciñanza a asistir a estas Mostras de Traballo Escolar, «nas que se pode comprobar en primeira persoa o excelente traballo que realizan os rapaces e rapazas matriculados na Escola de Teatro de  Narón e os seus avances desde que comezan a formarse nas artes escénicas a través das clases impartidas a través do Padroado da Cultura».

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …