O Programa de Recursos de Apoio á Escola impulsado pola Concellería de Ensino e Bibliotecas, presidida pola edil Mercedes Taibo, acolleu dúas visitas programadas para escolares ao Pazo da Cultura. A iniciativa «Pazo Vivo» desenvólvese a través do Servizo Sociocomunitario Municipal e nesta convocatoria os beneficiarios foron medio cento de alumnos e alumnas de terceiro curso de educación Primaria do CPR «Santiago Apóstol», que acudiron en dous grupos, un por cada aula de terceiro do citado colexio naronés.
Persoal técnico do Padroado da Cultura de Narón encargouse de deseñar a visita, na que tamén se implican docentes das diferentes disciplinas que se imparten nas Escolas Culturais Municipais. O alumnado tivo a oportunidade durante a súa estancia no Pazo –durante algo máis dunha hora- de participar nunha actividade en cada unha das aulas visitadas, co fin, explicou a concelleira «de entender os conceptos explicados durante o itinerario realizado por estas instalacións culturais». Música en directo, bailes –tradicional e de salón-, construción de instrumentos tradicionais e teatro –coñecendo os entresixos da posta en escea dos espectáculos- foron algunhas das modalidades das que gozaron os participantes.
A concelleira de Ensino valorou a colaboración que realizaron nesta convocatoria os docentes das Escolas Culturais Municipais, o persoal técnico do Padroado da Cultura e tamén o da Asociación Cultural Musical «Sementeira».
Taibo recordou que o programa de Recursos de Apoio á Escola oferta ademais recursos didácticos a todos os centros de Narón. Ao respecto, a concelleira citou exemplos relacionados coas áreas de Educación ambiental, Educación para a saúde, Educación en Igualdade, Educación para o desenvolvemento, Coñece o teu Concello e Participación Cidadá. «Trátase dunha iniciativa moi completa a través da que queremos chegar a un sector moi concreto de poboación dun xeito didáctico e acadar así a participación do alumnado nas diferentes actividades programadas especificamente para eles a través dos recursos e instalacións cos que contamos no Concello».