Iniciados cursos formativos dirixidos a desempregados en Narón

Un total de 75 persoas inician esta semana as sesións de cinco cursos formativos. Do total, 60 realizarán os de Peixería, Electricidade, e Conversa en Inglés, incluídas no programa formativo municipal Habilita 2016, con quince alumnos cada un e que rematarán no mes de xuño.

Tamén se impulsa desde a área municipal de Formación, que preside a edil Natalia Hermida, o curso sobre Programación e robótica para futuros formadores, con quince alumnos e que rematará en xuño. A maiores, tal e como apuntou a concelleira, o vindeiro venres, día 8, dará comezo un curso sobre Panadería-Bolería –tamén do programa Habilita 2016-, con quince alumnos e que finalizará en xullo. Os cinco cursos convocados desde a área de Formación diríxense a persoas desempregadas do Concello de Narón maiores de 18 anos e suporán un total de 1.290 horas de formación, teórica e práctica.

En total inscribíronse nestas cinco accións formativas 357 persoas. No curso de Programación e robótica para futuros formadores fixérono 40 e nos outros catro do programa Habilita 2016 un total de 317, dos que 70 se decantaron por Peixería; 59 por Electricidade; 154 por Panadería e Bolería –convócase por primeira vez e e o único destas características na comarca- e as 34 restantes no de Conversa en inglés, tal e como indicou Hermida.

Todas estas accións formativas se imparten nas instalacións do Centro Municipal de Formación da Gándara, tal e como recordou Hermida. A concelleira de Formación valorou o éxito deste tipo de cursos, que se convocan periodicamente e nos que se inscriben decenas de persoas da localidade.

Natalia Hermida anunciou que a administración local continuará apoiando esta vía formativa a través da concellería que dirixe «para así ofrecer á veciñanza desempregada de Narón a oportunidade de ampliar a súa formación e o seu currículo de cara a mellorar as súas posibilidades á hora de optar a un posto de traballo».

«A área de Formación foi e continuará sendo unha das prioridades do goberno local de Narón, porque somos conscientes das elevadas taxas de desemprego na localidade en particular e na comarca e no país en xeral e continuaremos apostando por poñer todos os recursos que estean ao alcance do Concello para tratar de que as persoas sen traballo adquiran máis formación e, polo tanto, teñan máis posibilidades á hora de acceder a un posto de traballo», apuntou.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …