A Xunta destinará esta semana 14,5 millóns máis ao sector gandeiro e agrícola

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de anunciar en Madrid que a Xunta fará efectivo esta semana un novo pago de 14,5 millóns de euros correspondentes ás achegas da PAC deste 2015-2016. Deste xeito, Galicia estará por diante no pago destas axudas respecto a outros exercicios, algo do que se beneficiarán agricultores e gandeiros.

En concreto, a día de hoxe, e aínda sen contar este novo pagamento, xa se teñen abonados máis de 98 millóns de euros e quedan outros 75,6. Polo que, segundo as previsións, avanzou a conselleira, «en menos dun mes os niveis de pago superarán os de calquera outra campaña. Iso a pesar de que este último ano foi o de implantación do novo modelo da PAC que supón un cambio importante na forma de xestión, ao tempo que as solicitudes se presentaron máis tarde que nunca», informou.

Ángeles Vázquez fixo estas declaracións tras asistir en Madrid ao Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, no que se trasladan as cuestións relativas ao agro que se levarán ante Bruxelas. A titular de Medio Rural aproveitou para agradecer á ministra que ampliase o prazo para solicitar as axudas da PAC 2016-2017 ata o 15 de abril e por que se lle teña esixido á Unión Europea á necesidade de facer un seguimento mensual da situación dos mercados, aumentando así o control dos mesmos.

A conselleira sinalou que este novo pago «é unha boa noticia para os gandeiros nun momento delicado porque no caso concreto do sector lácteo, xa se teñen pagado 9,5 millóns en axudas á liquidez para 8.614 gandeiros. Só quedarían por abonar outros 303.444 euros. A estas cifras hai que sumar as axudas acopladas que ascenden a 37,5 millóns dos que se pagaron preto de 25,6 e que chegaron a 8.517 titulares. Respecto ás achegas para vacas nutrices téñense pagado 12,6 millóns de euros a 9.282 beneficiarios e quedarían por achegar outros 2,2 millóns», asegurou.

O prazo ordinario de pago destas achegas comezou o 1 de decembro e finalizará o 30 de xuño, pero os adiantos xa foron abonados a final de ano, polo que Galicia segue por riba da media estatal en canto aos pagos realizados.

Melloras no emprego

Ademáis, a conselleira tamén aludiu aos datos do paro que se coñeceron onte e que indican que «o desemprego no sector da agricultura caeu, respecto ao mes de febreiro, un 2,81%, ata os 8.673, o que supón 251 parados menos. Este é un comportamento mellor que o descenso xeral en Galicia, que foi do 1,48%», sinalou.

«Respecto ao mes de marzo de 2015 a caída é dun 4,23%, con 383 parados menos, mentres neste caso o comportamento interanual xeral de Galicia cae un 8,07%».

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …