O Secretario xeral da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Juan Ávila, remitiu unha carta ao alcalde de Narón, José Manuel Blanco, trasladándolle a «máis sinceira noraboa polo fantástico traballo» realizado co Portal de Transparencia do Concello de Narón. Unha felicitación que responde ao recoñecemento realizado desde a subdirección de Modernización da FEMP.
O traballo enmárcase no proxecto impulsado polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (Minhap), no que a FEMP dá soporte aos concellos do Estado. Desde o citado organismo solicitan ao rexedor local autorización para poder empregar o modelo de Narón con outras entidades locais que están desenvolvendo os seus portais. Ao Portal de Transparencia do Concello de Narón, pódese acceder desde a dirección naron.transparencialocal.gob.es.
O Secretario xeral da FEMP asegura que a labor realizada en Narón «merece ser recoñecida, difundida e reaproveitada por outros municipios que puideran demandala». Con esta finalidade, desde o organismo apostan por realizar unha adaptación do traballo feito, trasladándollo ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas «para a súa incorporación nos manuais de uso e nas definicións de categorías de información que por defecto se veñen ofrecendo», apuntan.
O representante do citado organismo destacou «a extraordinaria labor pedagóxica” do Portal de Transparencia de Narón, coa definición das distintas categorías de información que se inclúen», valorando así o traballo realizado polo Secretario municipal, Alfonso de Prado Fernández-Canteli, e o equipo informático do Concello.
A páxina estrutúrase atendendo ao modelo fixado polo Estado, en tres categorías: Institucional, Normativa e Económica. A través das mesmas pódese acceder a outras como: Funcións; Normativa de aplicación; Estrutura organizativa; Organigrama actualizado; Plans e programas; Normas destacadas, Normas municipais en vigor e en tramitación; Contratos; Convenios subscritos; Encomendas de xestión; Subvencións públicas concedidas; Orzamentos; Contas anuais; Retribucións percibidas; Relación de Postos de Traballo (RPT); Oferta de emprego; Bens inmobles e Vehículos.
O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, agradeceu as felicitacións remitidas desde a FEMP e incidiu novamente, como xa fixera no momento da presentación do Portal de Transparencia, no «exemplar traballo e a dedicación de todas cantas persoas participaron na realización deste Portal», entre elas o Secretario xeral do Concello e o equipo informático.