O Láser Verde incorpórase á Ciruxía Urolóxica da Xerencia Integrada de Ferrol

A técnica cirúrxica a través da fibra óptica GreenLight Moxy, o que se coñece como o Láser Verde, incorpórase á Cirurxía de Uroloxía na Xerencia Integrada de Ferrol. Esta mesma semana, realizábanse as primeiras intervencións cirúrxicas con esta nova parataxe no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Trátase dunha técnica minimamente invasiva que se emprega para o tratamento da Hiperplasia Benigna de Próstata (HBP), que implica diferentes síntomas urinarios problemáticos e molestos. Consiste nunha fotovaporización endoscópica do tecido prostático, de xeito que se introduce unha fibra de láser verde endoscopicamente a través da uretra do varón. Esta luz vaporiza o tecido prostático converténdoo en vapor de auga.

Está indicada para chegar ó lugar desexado e realizar incisión ou escisión cirúrxica, vaporización, ablación, hemostasia ou coagulación de tecido brando. Neste senso, fotocoagula de xeito efectivo os vasos sanguíneos pola súa afinidade coa hemoglobina, o que a fai moi axeitada para pacientes anticoagulados ou de alto risco con enfermidades cardiovasculares ou respiratorias.

Vantaxes deste láser verde

Entre as vantaxes do láser verde está un menor risco de sangrado, reducíndose case a cero, e un tamén menor tempo de sonda necesario. O período de hospitalización do paciente acúrtase considerablemente pasando incluso, ás veces, ás 24 ou 48 horas. Este aspecto permite unha máis rápida reincoporación á actividade física e laboral ordinaria.

«Ata o de agora, facíase a técnica da resección transuretral de próstata, unha técnica magnífica que é moi efectiva», explicou o xefe do Servizo de Uroloxía, Andrés Rodríguez Alonso; e, agora «pódese operar tamén con menos risco a pacientes cun peor estado xeral debido a problemas cardiovasculares ou respiratorios engadidos».

Xunto con isto, esta nova técnica evita en moitos casos a cirurxía aberta, xa que permite operar próstatas de maior volume que antes só se podían abordar con esa modalidade de cirurxía. Ata a actualidade, a Hiperplasia Benigna de Próstata (HBP) abordábase tanto coa mencionada resección transuretral como con cirurxía aberta, segundo o perfil de paciente e en función do tamaño da próstata que se tivera que abordar.

Así, esta nova técnica facilita as cousas para a intervención sobre aquelas próstatas de maior tamaño, que antes tiñan que ser abordadas coa cirurxía aberta en lugar de cunha cirurxía minimamente invasiva. Evítase así o trastorno posterior que a cirurxía aberta supón para o paciente; e mellórase a súa recuperación e reincorporación á vida ordinaria.

Esta técnica de láser verde só se emprega na actualidade en Coruña e Pontevedra. «No caso da nosa área, ademais, incorpórase o láser verde de última xeración», afondou o urólogo Andrés Rodríguez Alonso. Na Xerencia Integrada de Ferrol realízanse ó redor de 50 intervencións ó ano para a abordaxe desta patoloxía.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …