A Xunta destina 26 millóns de euros para atender a desprotección de menores

varela desproteccion menores 20-2

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o Centro Ferrol I de atención a menores de idade, que alberga a 24 internados, dos que 18 son mozos e 6 son mozas. A maioría deles atópanse en situación de risco social e unha porcentaxe considerable pertence a grupos sociais desfavorecidos, polo que experimentan unhas circunstancias persoais e ambientais que conducen á adquisición de condutas de inadaptación social.

As problemáticas que atenden teñen por tanto o seu contexto e orixe inmediato nun medio familiar e social marcado pola existencia de déficits económicos, sociais e culturais, dándose en moitos casos o desamparo destes menores. Ferrol I centra o seu traballo na busca de técnicas e formas de organización que permitan o desenvolvemento integral dos residentes, preparándoos para construír unha sociedade capaz de garantir o seu auténtico desenvolvemento humano. Para elo, leva a cabo accións diversas entre as que destacan os programas de mediación e orientación familiar, de educación para a saúde, así como os obradoiros de habilidades sociais e de educación en valores.

Na actualidade, a administración autonómica ten a preto de 2.000 menores baixo a súa protección en diferentes modalidades: tutelados, en garda, en acollemento residencial ou en acollemento familiar. Rey Varela explicou que «a meta é o desenvolvemento e o fortalecemento persoal de menores que teñen pasado por situacións complicadas». Ademais, durante a visita, o conselleiro de Política Social agradeceu o «compromiso, implicación e dedicación que presentan os profesionais que traballan no centro».

Máis recursos para as situacións de desprotección

O titular da carteira autonómica asegurou que «é unha prioridade realizar unha atención integral a toda a infancia, e de xeito particular, aos menores que sofren unha situación de desprotección ou conflito social.“O que queremos é previr situacións de desamparo; e no caso de que se produzan, actuar de maneira rápida e eficaz, garantindo en todo momento os dereitos do menor», engadiu Rey Varela.

Así, a partida orzamentaria destinada en 2016 a atención ao menor ascende a 26 millóns de euros, o que supón 1,5 millóns de euros máis que o exercicio pasado. Este aumento repercutirá de xeito positivo nas persoas máis desprotexidas a través de dedicar máis recursos económicas a medidas como o Programa de intervención familiar, o Programa Mentor ou os puntos de encontro familiar; así como a liña telefónica gratuíta de axuda á infancia 116 111 ou o Rexistro Unificado de Maltrato Infantil.

Lea también

El BOE publica la declaración del puente de Cruzul, en Lugo, como bien de interés cultural

El Boletín Oficial del Estado (BOE) publicaba este jueves el real decreto por el que …