O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, respondeu ás críticas formuladas desde o PP sobre o gasto na área de Festas previsto para o presente exercicio. O rexedor local lamentou novamente o feito de que os populares naroneses recurran á mentira para dirixirse á cidadanía «sen ter un mínimo de respecto coa veciñanza de Narón». Blanco aclarou ao respecto que, tal e como figura no orzamento de 2015, a previsión inicial de gasto en Festas era de 112.000 euros, unha cantidade que se incrementou a finais de ano ata os 177.000 ao sumarse unha partida de 65.000 euros procedente dunha habilitación realizada en setembro do pasado ano.
No que respecta a 2016, o alcalde recordoulle aos populares que o gasto previsto é de 215.000 euros na citada área, «o que supón un aumento de 38.000 euros con respecto ao exercicio anterior, o que en ningún caso supón triplicar o gasto, tal e como afirman sen pudor algún tras realizar as súas particulares contas».
O alcalde insta ao portavoz do PP local a «aplicar o sentido común ao que tanto apela e deixar de engañar á veciñanza» así poder desenvolver no Concello as funcións que conleva a súa acta de concelleiro, «que debe aos veciños e veciñas que no seu día lle confiaron o seu voto e aos que agora trata de agradecer esa confianza a base de falsedades».
Así mesmo, Blanco recordou aos populares que os gastos en materia de política social, formación e xeración de emprego «foron e seguirán sendo prioritarios para o goberno local nestes tempos de crise, tal e como se veu facendo, e así se pode constatar, nos últimos anos».
¡¡Pero entonces sí que suben!!
Suben los impuestos y suben los gastos para fiestas. ¿No es lo que quieren los vecinos?