Chega o San Vicente e, un ano máis, a Agrupación Instrutiva de Caamouco vai celebrar por todo o alto o patrón da parroquia.
A sociedade volve apostar pola exitosa fórmula dos últimos anos, na que se multiplica a oferta para chegar a un público diverso, poñendo o foco na xente nova. Para a mocidade está ideada a primeira xornada dos festexos, cunha noite rock na que se pretende fomentar a participación dos máis novos e se impliquen na vida asociativa de Caamouco. Agárdase que, como na edición de 2015, centos de persoas visiten as instalacións.
O domingo a Agrupación aposta por unha fórmula aberta a un público amplo, coa actuación dunha numerosa escola de música grazas á que a Sociedade agarda encher o seu centro social.
Programa
– Sábado, (23.30 horas): Noite de rock coas actuacións de Abreatrás e Skyhooks.
Abreatrás é unha banda de Ferrol que versiona a grupos rock míticos dos anos 80 e 90.
Skyhooks nace nas pistas de baloncesto dos barrios de Ferrol. Identifícanse como unha «basket roll band» porque enchen de cancións todas as canchas nas que xogan coas súas guitarras.
– Domingo, (18 horas): Tarde de música popular coa actuación dos grupos da Escola de Música Charamela de Pontedeume. En total participarán máis de medio cento de músicos, repartidos nun grupo de coro e guitarras, un cuarteto de corda, unha orquestra de corda e unha banda.
Charamela comezou a súa andaina en 1990 en Pontedeume co obxectivo de que a música chegara a todos os públicos. A día de hoxe a escola conta con ducias de alumnos e alumnas.