Os traballadores de Urbaser e de Cleanet premiados pola CIG

(Fot. CIG)
(Fot. CIG)

A loita dos traballadores e traballadoras de Urbaser, que non só tiveron que enfrontarse á empresa senón tamén ao concello de Lugo, e que provocou unha folga que se prolongou durante nin máis nin menos que 59 días, foi considerada pola CIG merecente do Premio do “Día da Clase Obreira Galegana súa IX Edición. No mesmo acto, a CIG outorgou o Premio “8 de Marzo” á loita das traballadoras de Cleanet, que se mobilizaron en demanda dun dereito tan elemental como recibir un salario polo traballo desenvolvido, dando unha resposta de clase aos abusos da patronal.

En ambos os casos, a CIG tivo en conta a capacidade de sacrificio, a solidariedade e a unión do persoal, que lonxe de botarse atrás, diante das presións ás que foi sometido, continuou firme e unido nas súas reivindicacións.

Así o salientou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que foi o encargado de entregarlles o galardón. “Os conflitos de Urbaser e Cleanet, son ilustrativos da capacidade de loita e de sacrificio do proletariado galego. Estamos a falar de conflitos duros, de moitos días de folga e de confronto con dous grandes poderes do Estado: a oligarquía e as forzas armadas”, dixo. Dous conflitos dos que subliñou que, precisamente por esa capacidade de loita das traballadoras  e traballadores  “estamos a saír vencedores”.

Para Seixo ambos os conflitos exemplifican a loita por dereitos esenciais da clase traballadora que “nunca están garantidos” no sistema capitalista neoliberal como “a xustiza, a igualdade e a democracia”. Dereitos que, lembrou, están a ser recortados agora e que foron conquistados ao longo da historia do movemento obreiro, “cunha enorme dose de sacrificio, de solidariedade e de organización”. Algo que entende que está a ser cuestionado de forma permanente “fomentando o individualismo, a insolidariedade e o desprestixio das organizacións sindicais e de clase en xeral”.

Entre outros denunciou os recortes dos dereitos laborais, o empeoramento das  condicións de traballo, a perda calidade de vida e o risco no que está o sistema de protección social até o de agora existente.

O secretario xeral da CIG lembrou o carácter universal de dereitos como o ensino, a saúde, a vivenda, a protección por desemprego, a enerxía, a auga ou as pensións e subliñou que “moito do que coñecemos como estado de benestar, é froito da correlación de forzas entre o traballo e o capital, nun momento histórico determinado”.

Advertiu que “para nada estamos a falar dunha situación estábel” e subliñou a necesidade de “avanzar esa formas de organización económica e social na que o poder estea realmente en mans da clase traballadora e ao seu servizo”. Un modelo de referencia que, concluíu, “para nós segue a ser o socialismo”.

Premio 8 de marzo para Cleanet

Respecto do Premio do 8 de marzo, Margarida Corral, secretaria confederal de Muller, denunciou que a loita das traballadoras de Cleanet  malia o conflito desenvolverse en todos os centros de traballo onde CLEANET ten a concesión, dado que o impago é xeneralizado en todo o Estado, foi en Galiza onde tivo un carácter máis intenso, “grazas á forza e a unidade das traballadoras que foron quen de soster unha folga indefinida no caso de Ferrol (que o vindeiro 8 de marzo chegará aos 113 días), ou no caso de Pontevedra, de 13 xornadas de folga repartidas entre setembro do pasado ano até o pasado mes de febreiro”.

E concluíu explicando que foi precisamente por esa situación de precariedade, desigualdade e falta de expectativas, polo que a secretaría da Muller escolleu como lema para este 8 de marzo “Traballo digno, salario xusto«.

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …