O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que o Convenio aprobado no Pleno a asinar co Consorcio Provincial Contra Incendios, para prestar o servizo de bombeiros a concellos limítrofes a Ferrol, significa exclusivamente o traspaso da xestión dos recursos humanos e materiais do parque de bombeiros de Ferrol ao consorcio Provincial contra Incendios, supoñendo ademáis un empeoramento respecto do existente até agora ao eliminar a dotación de servizos mínimos necesaria para prestar o servizo de extinción de incendios.
O BNG censura que este convenio permite ao Consorcio desenvolver convenios e recadar os ingresos derivados deses convenios con entidades como a Autoridade Portuaria ou Reganosa, empregando para resolver estas emerxencias os recursos humanos e materiais do parque de Ferrol sen que este reciba ningún tipo de compensación en infraestruturas ou materiais ou asegurando os recursos humanos.
Así mesmo, desde o BNG advirten que este convenio non incorpora ningunha dotación económica para a renovación de recursos materiais nin para a mellora das instalacións do parque actual que se atopa nun estado lamentábel.
O BNG quere sinalar, ademais, que neste novo convenio elimínase, o numero de persoas nos que debe consistir os servizos mínimos que deben existir no parque de Ferrol, empeorando as condicións de traballo dos bombeiros e que, precisamente, ao non definir estes servizos mínimos non asegura a dotación de recursos humanos actual existente no parque de Ferrol xa que non se especifica cales son o número de traballadores necesarios para prestar este servizo.
O BNG sinala que basta xa de escusas reiteradas, de permanecer pasivo durante meses, para despois cando chega o momento in extremis da renovación dos convenios escusarse na urxencia para reproducir a mesma situación, ano tras ano, sen avanzar en resolver as necesidades reais deste servizo na cidade.
O BNG considera urxente desenvolver acordos plurianuais que aseguren explícitamente os recursos humanos actuais e que definan o personal necesario para dar cobertura a este servizo, no momento actual xa deficiente e para o que a eliminación dos servizos mínimos non fará máis que empeorar as condicións de traballo dos bombeiros.
Ademais desde o BNG pídese que se incorpore unha dotación económica específica para mellorar os recursos materiais e outra para mellorar as infraestruturas actuais nun estado de deterioro evidente