Podemos?

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Estas eleccións europeas espertaron máis interese que calquera outras que eu lembre. É normal. Podíanse entender como unha especie de ensaio de cara ás próximas eleccións nacionais e, ademais, estaba presente a irrupción de novas formacións que podían dar a sorpresa. O caso máis claro foi o de Podemos, a formación do profesor e tertuliano Pablo Iglesias que levou nada menos que cinco eurodeputados.

Eu non os apoiei, mais considero unha boa noticia a súa irrupción no panorama político do estado. Non lles din o meu voto, digo, aínda que eu sei que as medidas que propoñen son de esquerdas, sei que a meirande parte dos seus líderes proceden da esquerda (moitos de IU) e dos movementos sociais, pero eles teimaron toda a campaña en utilizar esa terminoloxía propia do 15-M (os de arriba contra os de abaixo, a “casta”…) e en obviar retratarse claramente, algo que sempre crin necesario para mostrarse de forma honesta ante os votantes. Evidentemente teño moitas outras diferenzas ideolóxicas con eles, mais non imos entrar aquí niso.

Agora, iso si, despregarase todo o arsenal mediático contra o famoso heroe da coleta. Chegarán descualificacións dos medios, descubrimentos asombrosos da súa vida privada (xa sabemos que compra a roupa no Alcampo grazas ás revelacións de Intereconomía) e todas as idioteces patrióticas que se lles ocorran (que é un antiespañol a soldo de Venezuela e Irán, así todo xunto e remexido, que vai da man de organizacións proetarras…). Tempo, só necesitan tempo para inventar.

Eu, pola miña banda, alégrome dos resultados da esquerda, aínda que me gustaría que o BNG tivese sacado mellores resultados. Aos millóns de españois que votaron a PP e PSOE non sei que lles dicir. Ah, e estou terribelmente feliz de que a Vox non lle desen nin a hora. Xa bastante perigoso é ter a Le Pen en Francia para aturar aquí a eses ultras.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …