O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participará este martes dia 17 nun acto público para presentar as propostas do BNG para potenciar o sector naval da ría, como motor para a creación de emprego e recuperación económica da comarca. O acto desenvolveráse a partir das 20 horas no Centro Cultural «Carvalho Calero» en Ferrol, e contará tamén coas intervencións da portavoz comarcal do BNG, Mercedes Tobío, e do portavoz municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas.
O documento que será presentado recolle un intenso traballo de recopilación e actualización de dados sobre a situación da comarca desenvolvido pola organización en varias xornadas de traballo; que comezaran o pasado mes de Outubro cun encontro comarcal no que participaran, ademáis do propio Vence, a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, e o portavoz do BNG no parlamento galego, Francisco Jorquera. Un traballo que figura agora sintetizado nun dítico que será entregado no decurso do acto.
«O obxectivo desta iniciativa do BNG é que, fronte a evidencia duns gobernos que nunca acreditaron no naval como estratéxico, existen propostas que demostran que non só estamos perante un sector potencialmente viábel; senón que o mesmo resulta fundamentalmente para o mantemento do emprego e a recuperación da economía comarcal.
Así é que, finiquitado o tempo das falsas promesas e da intoxicación masiva que se está a facer coa realidade do naval na ría de Ferrol; cúmpre pasar a un escenario onde se concreten as decisións políticas; que pasarían fundamentalmente pola oposición a calquera tipo de nova reestruturación e amortización dos postos de traballo, a desaparición definitiva de restricións e vetos, e a creación dun Complexo Integral do Naval na Ria de Ferrol, aberto a todos os ámbitos de produción naval e con capacidade de decisión nos ámbitos da enxeñería, deseño e producción», sinala o BNG nunha nota aos medios..