O comité cidadán de emerxencia da ría de Ferrol resposta ao presidente de Reganosa

reganosaO Comité Cidadán de Emerxencia Ría de Ferrol deu a coñecer  por medio dun comunicado a resposta ao Presidente de Reganosa no que sinala «1º A Planta de Reganosa dende a entrada en funcionamento no 2007, nunca superou o 40% da súa capacidade de produción, a pesares diso os promotores de Reganosa e a Xunta do Sr, Feijoo viñeron reclamando nestes últimos anos a necesidade de case triplicar a capacidade de regasificación.

A realidade ven a demostrar o engano dos promotores de Reganosa para xustificar a súa construcción e acadar a Autorización de Construcción. Os promotores alegaron que tiñan comprometido o 80% da súa produción cos ciclos combinados de As Pontes e Sabón. Os Ciclos Combinados dende a súa posta en marcha cando non están parados apenas chegan ao 20% de funcionamento e o subministro de Reganosa ós ciclos e do 4%.

Quere isto dicir que a realidade está moi lonxe das optimistas afirmacións do presidente de Reganosa. A empresa é innecesaria. Lonxe de ser impulsora da economía, constitúe un pesado lastre que só nos custa diñeiro aos contribuíntes pola lei de retribucións do sistema gasista pola que todos estamos obrigados a devolver o diñeiro do investimento. As lixeirezas nas aprobacións de investimentos millonarios, pagámolas todos a través das sucesivas subidas dos recibos do gas e da luz. Tamén os innecesarios e infrautilizados ciclos combinados foron promovidos polos socios para xustificar a construción de Reganosa.

Defínese como Mínimo Técnico, o nivel de produción mínimo necesario que permita recuperar o gas xerado por boil-off (BOG), en calquera circunstancia de operación, á vez que mantén en frío todas as instalacións, e garante o 100% de dispoñibilidade inmediata do resto dos equipos en condicións de seguridade de funcionamento estable. Como o mínimo técnico para Reganosa está calculado, polas características das súas instalación, en 60 GWh/día e a media de produción do ano 2012 foi tan só de 49 GWh/día, quere dicir que o 88 % do tempo está a traballar por baixo do mínimo técnico, coas consecuencias que ten sobre a seguridade das instalacións e o efecto sobre o medio ambiente. (Datos extraídos das páxinas 80 e 62 do informe anual 2012 do xestor do sistema).

A nova vía de negocio de Reganosa, recarga de gaseiros con destino á exportación, tampouco axuda ao problema de traballar por baixo do mínimo técnico. As operacións de carga e descarga de gaseiros xera mais gas de Boil-off, que logo debe eliminar. Aparte este tráfico implica aumentar o número de operacións de entrada e saída de gaseros cargados. No 2012 foron 12 recargas e 37 postas en frío, o que supón que un 19 % da produción total anual realmente inxectada ao gasoduto.

Como xa dixemos no ano 2002 o Comité Cidadán de Emerxencia e algún membro da CNE (Comisión Nacional de la Energía) como o Sr. Unda, os gasoductos teñen a capacidade suficiente para subministrar gas ós ciclos combinados. A planta de Reganosa é innecesaria, unicamente xustifican a súa escasa produción porque teñen pechada a entrada de gas por gasoducto como viña sucedendo hasta o 2007.

reganosaInstalación ilegal

2º. Reganosa é unha instalación ilegal trala sentencia inapelable do Tribunal Supremo do mes de maio de 2102. O proxecto Reganosa carece de Declaración de Impacto Ambiental, incumpre toda lexislación europea e española de seguridade. A recente sentencia do TSJ de Madrid anulando a licencia de construcción da Planta de gas do Musel en Xixón por incumprimento do RAMNIP ( Reglamento de Actividades Molestas, Nocivas y Peligrosas) que esixe unha distancia maior de 2000 m aos núcleos de poboación.- e mostra diso. Reganosa está situada a 100 m das vivendas do núcleo de Meha, a 800 m do Arsenal Militar, a 1500 de Ferrol, a 900 m do nucleo urbano de Mugardos. Os gaseiros cargados con GNL non poden cumplimentar a normativa de emerxencia etc.. Reganosa é unha bomba no corazón da ría que ameaza a poboación de Ferrolterra.

O ecosistema da ría e o medio ambiente

3º Reganosa ven destruíndo o ecosistema da Ria. A planta de gas de Reganosa pode captar ata 300.000 tons. diarias de auga para ser utilizadas no proceso de regasificación, que son esterilizadas utilizando lixivia e posteriormente vertidas para o mar contaminadas e cun salto térmico de – 6º centígrados. Reganosa non ten autorización para utilizar este modelo de regasisficación. Se o dano producido ata agora non se percibe facilmente como tal, é precisamente grazas á baixa produción da planta que, por tanto, utiliza menos auga que a autorizada.

4º Reganosa atenta directamente contra o medioambiente acelerando o efecto invernadoiro. Segundo a declaración de efectos ambientais (DOG nº 217 de 7 novembro de 2003), no caso de sobrepresión nos tanques, liberarase o gas mediante chemineas de escape de gases de emerxencia que quentarán este gas co fin de que a dispersión sexa rápida. A axencia ambiental Americana EPA clasifica os gases de efecto invernadoiro asignando un valor de 1 ao efecto do CO2. Con esta base o metano ten un potencial 21 veces maior que o CO2.

A burbulla enerxética

5º Reganosa é un proceso continuado de corrupción, forma parte da burbulla enerxética que conta coa complicidade dos diferentes escalóns da administración.

A Xunta de Galicia, que aínda tenta, a través do Grupo do PP no Parlamento europeo, impedir que o informe da Delegación que nos visitou en febreiro recolla a realidade dunha instalación perigosa e destrutiva do ecosistema da Ria . A Xunta de Galicia participa no accionariado de Reganosa, unha empresa privada que explota una instalación ilegal e sumamente perigosa, que saquea os recursos cidadáns, a través do aumento das tarifas eléctricas e do gas e que mantén no seu Consello de Administración a persoeiros como José Luis Méndez, ex director de Caixa Galicia, responsable do seu crack e que se levou millóns de euros.

Por todas estas razóns, o CCE esixe o Peche Xa!»

 

 

Lea también

El PSOE de Ferrol pregunta al alcalde si se contrató dos veces la reparación de una de las fachadas en Recimil

El apartado de contratos menores de la página web de transparencia del Concello de Ferrol …