O Grupo Municipal Socialista sinala nun comunicado que «leva denunciando dende principios de mandato a errática, irreponsable e pouco profesional xestión económica levada a cabo polo goberno de Rey Varela, co único obxectivo de dar cobertura a unha estratexia xeral do seu partido que esconde un cambio de modelo amparado na crise económica.
Neste senso, os e as socialistas lembran que no ano 2011 solicitaban un crédito ICO por importe de 2,5 millóns de euros para facer fronte ao pago de facturas, mentres depositaban a prazo fixo en 4 bancos da cidade 8 millóns de euros de remanentes de tesourería.
Así mesmo, no exercicio pasado o goberno local acudiu a un crédito de 4,3 millóns de euros para liquidar todas as facturas pendentes de pago obrantes na administración local, fundamentalmente as xeradas por eles neste mandato, aducindo como no ano 2011 a necesidade de acudir ao crédito pola mala xestión económica do anterior goberno municipal.»
O concelleiro socialista, Jaime Pena, manifesta que «desgraciadamente para o goberno local, os órganos da administración aínda que lentos, son inexorables, e no ano en curso tanto a intervención coma a tesourería municipal acreditaron un remanente (sobrante) no presuposto de 2012 de 5,8 millóns de €, que tal e coma nos dicíamos, e facían de todo punto innecesario o crédito de 4,3 millóns solicitado por Rey Varela. Un crédito que tal e coma nos denunciábamos so serviu para que o concello contribúa con centos de miles de euros á solución da crise bancaria a través do pago de comisións e intereses absolutamente innecesarios.
A última evidencia da errática e irresponsable xestión económica do goberno de Rey Varela a puxo de manifesto o Consello de Contas de Galicia que o 13 de setembro do ano en curso devolveu o concello a conta xeral do exercicio 2012 por conter 128 erros, polo que o Consello de Contas de Galicia a considera como “documentación recibida con defectos de tal natureza que impiden a súa consideración como conta rendida”, e lle da o Concello para a súa subsanación, un prazo de quince días hábiles a contar dende a súa recepción no rexistro xeral do concello o 17 de setembro».
Para o concelleiro Jaime Pena,» o asunto é de tal relevancia que no caso de non ter rendida en tempo e forma a conta xeral, o concello non podería recibir as transferencias e ingresos anuais do Estado e do resto de administracións públicas, imprescindibles para a financiación dos servizos públicos municipais».
“Ante esta situación de alarmante gravidade, e dado que a comisión de Facenda non se convoca coa preceptiva regularidade semanal, ata hoxe non podemos interpelar ao goberno sobre o particular. E lonxe de tranquilizarnos a resposta do goberno nos provoca a maior das inquedanzas, porque o concelleiro recoñece que a estas alturas “descoñece como está o tema” a pesares de que os quince días hábiles, prazo para a presentación das emendas, xa venceron a pasada semana”, denuncia o concelleiro socialista.
Por conseguinte, o Grupo Municipal Socialista «quere denunciar a absoluta falta de compromiso e profesionalidade do goberno de Rey Varela ao fronte da economía municipal, e espera que a súa errática e irresponsable xestión económica non provoque a paralización do concello como consecuencia do bloqueo das transferencias do Estado e do resto de administracións públicas».