O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixiu na mañá deste sábado, día 5, ao alcalde da cidade, Jose Manuel Rey, que convoque de xeito imediato a reanudación do pleno ordinario do mes de setembro que decidiu suspender.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que «o goberno municipal ten a obriga de convocar e celebrar a sesión plenaria co fin de abordar os temas incluidos na orde do día, entre eles a problemática dos veciños e veciñas de San Xoán que esixen a urbanización urxente das rúas: Herbosa, Fontemoura e río Xuvia».
O BNG » entende que o goberno local esta a privar ao colectivo de veciños veciñas afectados por esta situación do seu dereito de participar na vida municipal xa que tiñan previsto intervir no pleno para defender a necesidade desta intervención».
Para o BNG «resulta preocupante e mesmo antidemocrático que o Goberno Local non fixe unha nova data para a reanudación desta sesión co obxectivo de non ter que posicionarse sobre problemas da cidade que son da súa responsabilidade directa ou que agarde a convocar esta sesións en función de asuntos da súa interese».
O BNG «cre que o Goberno Municipal centra a súa actividade no desenvolvemento dunha unha política de carácter superficial que pretende dar unha idea de normalidade nunha cidade con acuciantes problemas nos eidos económicos e sociais e sobre os que se nega a actuar».