Comeza o novo curso

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Como se dun colexial se tratase vou intentar volver a escribir nestas páxinas con regularidade. Ás veces é difícil sacar tempo para facelo, como imaxinarán, e máis tal e como están as cousas agora mesmo para todos.

Hai moitos temas candentes nas últimas semanas e vai ser difícil tratar todos eles nun só artigo, mais tempo haberá en futuras entregas de referirnos a eles.

O máis actual, evidentemente, é a eliminación de Madrid como sede olímpica para 2020 e a proclamación de Tokio como gañadora. Eu, sinceramente, estou contento. Xa sabemos (ou non, claro) toda a especulación e corrupción que leva consigo a organización duns Xogos Olímpicos. Os de sempre estaban xa a fregarse as mans, pero saíulles mal. Cachis. Algún iluminado dirá que non estou a ter en conta a gran cantidade de postos de traballo que ían xerar. Claro que a estou a ter en conta: traballo precario, temporal, mal pagado. Mal pagado para os de abaixo, os outros xa sabemos que ían sacar proveito. Agora unha pequena reflexión en voz alta. Os organizadores dixeron que dispoñiamos de 1500 millóns de euros para dita organización que, claro está, xa non se van utilizar para iso. Agora poderiamos inxectar ese diñeiro en bolsas, sanidade e servizos públicos (todas esas cousas que se recortaron tan fortemente porque, xa saben, non había outra solución). Non haberá problema, non? Ou xa decidiron gastalos noutra cousa? Ou é que non os tiñan?

A outra nova é moito máis grave que a organización ou non duns Xogos Olímpicos. Refírome ao inminente ataque a Siria por parte de EEUU e os seus acólitos. O obxectivo, parece ser, é “liberar” á poboación siria do tirano Al Assad e instaurar alí un réxime de verdadeira democracia. Dende a miña ignorancia absoluta, non sei se Al Assad é ou non un tirano. Saberán diso os sirios. Parece ser que hai uns insurxentes que loitan “pola liberdade” mais, se investigan un pouco verán que son islamistas, en moitos casos membros de Al Qaeda. Aquí, curiosamente, non son o inimigo dos EEUU. Tamén, dirán algún ben informados, está o asunto do ataque químico. Segundo EEUU é cousa do réxime sirio, segundo este é cousa dos insurxentes. A ONU parece ser que non ten probas de que sexa Al Assad o culpable. Lémbralles isto a algo? A min bastante ao das armas de destrución masiva de Irak. En fin. Para que non queden dúbidas, hoxe e sempre: Non á guerra!

Por certo, dos cachorros das Novas Xeracións facendo o saúdo fascista e tal, non vou comentar nada hoxe, fóra do noxo que lle deberían dar a calquera demócrata. E punto final. Bo comezo “de curso” para todos!

 

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …