Patriotas

Miguel AlonsoMiguel Alonso

“Cada vez que dicen patria pienso en el pueblo y me echo a temblar” cantaba o gran Carlos Cano na súa marabillosa “Tango de las madres locas” dedicada ás Madres de la Plaza de Mayo. Nesa canción tamén facía referencia aos curiosos índices de medida dalgúns gobernos: “Con Malvinas o sin Malvinas, dónde está Pedro, dónde está Lidia”. O mesmo patrón pode aplicarse ao goberno español no recente “conflito” con Gran Bretaña por Gibraltar. Póñoo entre aspas porque é unha cortina de fume para evitar que os xornais falen do realmente importante, como o escándalo de corrupción e a patética intervención do presidente no Congreso, e as súas “fin de la cita” que fixeron rir o mundo enteiro e ruborizarse a calquera con dous dedos de fronte.

Mais, claro está, conseguen o que se propoñen. Cantos coñecidos teño eu (e dígoo sen ningunha ironía, eh?) máis preocupados agora polo “conflito” que pola terríbel situación do país. A todos estes patriotas permítanme que lles dirixa hoxe algunhas palabras:

Patriotas deste país (que non se di país, que se di Ejjjjpaña), é marabilloso que sintades tal amor pola vosa patria así que agardo que do mesmo modo esteades tan preocupados coma min pola privatización que se está a producir na educación española, da que, estou seguro, estades orgullosos. Manifestade o voso descontento! Defendédea con tanto fervor como defendedes o Peñón.

Ademais, patriotas deste país, seguro que tamén vos preocupa a acelerada privatización da sanidade da que tanto nos gababamos sempre. “A sanidade española, unha das mellores do mundo”, dicíamos, non si? Supoño que estaredes indignados! Facedes ben.

Estou seguro, por outra banda, de que non vos deixa durmir a imaxe pública que España ten nestes momentos. Vós, que defendedes o concepto ese da “Marca España” (eu aínda non sei o que é) estaredes preocupados, claro, porque somos portada dos xornais máis importantes do mundo por culpa da corrupción. Esixide, patriotas, esixídelle o goberno responsabilidade e, sobre todo, esixídelle a verdade.

En fin, que vos vou contar. Agardo que sexades tan coherentes en todos os ámbitos da política española. Lembro agora, por certo, outra canción, neste caso de Victor Manuel que non falaba deste tema, mais que vén ao caso porque dicía no seu refrán: “Como los monos de Gibraltar, cierran los ojos para no mirar…”. Pois iso.

 

 

Lea también

Matar al mensajero Mato-( Enrique Barrera Beitia)

Enrique Barrera Beitia Desde el pasado 13 de noviembre, el ex-alcalde socialista Ángel Mato ha …