O Grupo Municipal Socialista, a través do seu concelleiro Ramón Veloso, critica duramente as decisións tomadas polo goberno local en materia turística, dende a chegada ao goberno de Rey Varela, que están a provocar un verdadeiro desmantelamento do turismo na cidade.
Os socialistas denuncian unha vez máis que non hai Oficina de Turismo na Cidade por decisión do goberno popular, lembrando que no último Consello de Administración o Alcalde xa recoñeceu que é unha infraestrutura necesaria.
Así mesmo, o concelleiro Ramón Veloso lembra que non hai técnicos de turismo pola decisión dos populares de anular o proceso selectivo en marcha, da convocatoria de dúas plazas, Unha decisión que o concelleiro socialista considera mala para o Concello e unha falta de respecto ás persoas opositoras.
O Grupo Municipal Socialista non entende que todo o turismo da cidade se resuma nunha ruta da construción naval, e non se avance na colaboración pública co sector no desenvolvemento de turismo de congresos, no turismo gastronómico ou no turismo de natureza, na promoción da cidade fora dela, entre outras. Finalmente, os socialistas botan de menos as programacións da tempada de turismo no verán, polo que instan ao goberno local a recapacitar, e a deixar atrás as miras cortas que caracteriza a súa política turística, facendo visible todo o que pode ofrecer a nosa cidade.